Marisol Gándara gaña o Pérez Parallé de poesía

Marisol Gándara Dominio Público Praza Pública

O xurado da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que todos os anos se concede no Concello de Fene, acordou outorgar o premio deste ano á obra Testamento poético de Marisol Gándara Sánchez. Ao entender dos membros do xurado, o libro destaca polo uso coidado da linguaxe, mantendo unha estrutura de “cartas poéticas” nunha voz persoal e directa, ademais de manter un ton reflexivo de carácter existencial e solidario. A autora remarca que “o poemario está adicado a poeta Eva Veiga e, nela, a todas as mulleres que tiveron e teñen que medrar contra un modelo no que non acaban de encaixar de todo”.

Marisol Gándara Sánchez naceu en Francia en 1981. Veu a Galicia con poucos meses e criouse en Ordes. É Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela onde actualmente cursa estudos de Xornalismo, ademais dun master en Paratradución na Universidade de Vigo. Obtivo diversos premios a poemas ou pequenos conxuntos de textos entre os que destaca a XV edición do Premio Francisco Añón, do Concello de Outes, en 2011. Ten publicado ocasionalmente algúns poemas no magazine dixital Achtung.

O xurado desta edición do Premio estivo integrado polas escritoras María Rosendo Priego (gañadora da XXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé) e Dores Tembrás, así como polo poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello. Desde o ano 2005 o certame, convocado coa colaboración do Concello de Fene, premia un libro individual dun autor ou autora inédita procurando, deste xeito, abrir espazo para persoas que inician a súa andaina nas letras galegas. Desde entón, acadaron o certame Mario Regueira, Xiana Arias, Valentina Carro, Susana Sánchez Aríns, Ramón Neto, María Rosendo e Lorena Souto.

O premio para o autor da obra gañadora consiste na publicación do volume na colección de poesía Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello e conta cunha gratificación ecónomica de 500 euros. Ademais, faráselle entrega dunha escultura conmemorativa deseñada especialmente polo ceramista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé. O acto de entrega do premio terá lugar o próximo 17 de novembro, sábado, ás 20.00 na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene.

Marisol Gándara Dominio Público Praza Pública
O xurado do Pérez Parallé na súa edición 2012 © Concello de Fene

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.