Marleen MaLone: "Farteime de ser, cos homes, suxeito pasivo. Decidín empoderarme e tomar a iniciativa. Pero no camiño tamén tropecei"

Marleen MaLone © Pelu Vidal

Hai uns días que Iolanda Zúñiga comparte nas súas redes sociais as reflexións sobre os homes, tan directas, potentes e cheas de humor, da súa amiga -ou ex-amiga- Marleen MaLone: unha muller que cansou de ser, no ámbito da sedución, suxeito pasivo. Que decidiu saltar os roles impostos polo patriarcado e tomar a iniciativa. Cazar. Depredar. Empoderarse. Mais, nese proceso, atopouse coas súas propias contradicións. Cos seus medos e inseguridades. Coa súa atracción momentánea -tamén- polas vantaxes vendidas pola convención. A estabilidade. O amor. Marleen cóntao todo, a través da redacción de Iolanda, en 'Noites de Safari' (Xerais). Sen agochar nada. Conseguimos falar con ela -con Marleen- para coñecela mellor.

Es novidade na literatura galega. Quen es? De onde vés?

Antes de nada, eu a verdade é que escribir non escribo. En realidade son pintora. O que pasa é que pasei un tempo en Vigo e Iolanda Zúñiga e eu fomos amigas. E digo fomos porque hai moito tempo que non a vexo e que non sei nada dela. Pero naquela época na que as dúas faciamos vida nocturna en Vigo, pedinlle que ela escribise as miñas historias, os meus avatares sexuais cos homes. Como escribir non é o meu, preferín que redactase ela o que eu lle contaba.

"Pedinlle a Iolanda que ela escribise as miñas historias, os meus avatares sexuais cos homes"

En calquera caso, aínda que a redacción non sexa túa, é un libro de avatares sexuais no que se conta que moitos te trataron bastante mal. Non todas as persoas quererían presentar en público esa parte das dúas vidas…

O libro leva o subtítulo de ‘Manual sobre amantes desorientados’ e a verdade é que eu tamén tiven amantes moi ben guiados e orientados que me produciron moita satisfacción, non só sexual senón tamén a nivel de coidados: que me respectaban.... O que pasa é que Iolanda escolleu redactar as historias dos desorientados. Eu tampouco lle vou preguntar por que fixo esa escolla. Mais, en calquera caso, non foi algo que pactase con ela.

Pensaba, ao lelo, que se tivese sido escrito hai 20 anos, podería ser un escándalo. Unha muller que vai polas noites de safari, de caza. Que se comporta como se supoñía que só podían comportarse os homes… Iso mudou moito pero, cando nós estabamos no instituto, unha muller tiña moi difícil saír do rego nese sentido.

Claro, a min mesma pasoume. Houbo moito tempo no que eu tamén me comportaba coma un suxeito pasivo. Quero dicir, que agardaba a que os homes me entrasen, segundo a convención: é o macho o que ten que tomar a iniciativa, pois da boca dunha muller non pode saír un convite, unha proposta… Pero farteime diso. Non quixen seguir agardando a ver se había sorte e me entraba o home que me enchía o ollo. Decidín empoderarme. Pero no camiño tamén tropecei. A verdade é que non foi fácil, porque ao meu arredor eu vía, como ti dis, que non eran as mulleres as que normalmente levaban a iniciativa. Pero un día lanceime e non me foi mal. Só que despois o que pasou é que me atopei con homes cos que non cheguei a bo porto…

"Non quixen seguir agardando a ver se había sorte e me entraba o home que me enchía o ollo. Decidín empoderarme"

Os amantes desorientados teñen moitas eivas como homes e como persoas, pero unha das cousas que teñen en común é que son egocéntricos, infantís, moi pouco empáticos e bastante machistas.

Como dicía antes, foi a escolla de Iolanda falar dos desorientados. Pero si, son inmaturos, egocéntricos… O que pasa é que tiven momentos de certa... desesperación, -podería dicir-, debido á soidade. E iso levoume a ligar con homes para os que, seguramente, en épocas mellores da miña vida, non tería mirado. E ademais o que pasa tamén é que moitos deles, de cara a fóra, parecían outra cousa. Pero cando os coñecías mellor, e sobre todo na intimidade, mostraban o que eran realmente.

"Moitos deles, de cara a fóra, parecían outra cousa. Pero cando os coñecías mellor, e sobre todo na intimidade, mostraban o que eran realmente"

Por certo, case todos falan castelán -e Iolanda recolleuno nos diálogos-. Terá que ver con que vivías, daquela, en Vigo?

Supoño que si. É a realidade. Eu non neofalante e non sempre falo en galego. Os amantes que coñecín en Vigo non falaban galego, pero a verdade é que tampouco castelán: máis ben castrapo. Non dominaban as artes do amor nin as da lingua -por partida dobre-. Noutros sitios, coma en Santiago, si que atopei amantes galegofalantes.

"Os amantes que coñecín en Vigo non falaban galego, pero a verdade é que tampouco castelán: máis ben castrapo"

Iolanda conta todo con moito humor. E co estilo, tan fresco, que a caracteriza, xa desde ‘Vidas post-it’...

Si, ela cóntao con humor, pero eu sufrín. O que pasa é que, cando eramos amigas, eu contáballe a Iolanda os meus problemas cos homes, e ela ría. Por iso, da miña traxedia, ela sacou unha traxicomedia. Comedia só non é, e drama tampouco. Pero para min foron dramas. Para a miña entreperna e para o meu corazón. Porque eu ía con intención de depredar, de cazar, pero ao final, por soidade, acabábame enganchando a homes que non me achegaban nada, que eran bastante mediocres…

"Eu ía con intención de depredar, de cazar, pero ao final, por soidade, acabábame enganchando a homes que non me achegaban nada, que eran bastante mediocres"

O libro está cheo de machismos -non sei se micro ou, quizais, algo máis-. Ti non tes a culpa de que os amantes che saísen así. Mais supoño que o que pasa, tamén, é que, coma todas, tratas de empoderarte, pero segues arrastrando roles femininos impostos polo patriarcado… Fomos educadas para ter parella, para que a nosa felicidade dependa, en boa medida, de ter a alguén ao noso lado...

Claro! É a educación patriarcal que recibimos, que nos pesa moito. Empezando pola influencia do catolicismo. Eu non fun a un colexio de monxas, pero iso está aí. Despois, tamén, claro, pola influencia familiar. Meu pai é puteiro. Miña nai tamén tivo problemas de dependencia emocional e foi maltratada psicoloxicamente. Ela era independente ata que casou. Pero deixou de traballar para coidar dos fillos. Cando quixo separarse, os seus pais dixéronlle que había que apandar. Non conseguiu separarse ata ter máis de 60 anos. É todo: a relixión, a familia, os homes que te rodean… Todo o ambiente no que medras.

O libro critica os homes, que presenta como tipos, case como caricaturas. Pero tamén fai autocrítica, no sentido que estamos a falar. Fala da túa dependencia emocional, da soidade que te leva irte con badulaques… Nese sentido, Marleen podería ser moitas Marleens, independentemente de que sexan cazadoras ou non.

Supoño que si. Cando eu falaba con Iolanda, decatábame de todas esas cousas: a dependencia emocional… E ela reflectiuno no libro. Ademais, hai cousas no libro que non son miñas, que son de Iolanda ou doutras mulleres que coñecemos. E Iolanda reflectiu, seguramente, no libro, os seus propios medos, as súas carencias, os seus traumas... Mais, e iso quero deixalo claro, moita xente confúndeme con Iolanda, pero eu son Marleen. Non somos a mesma. Eu son nocturna e Iolanda é diúrna. Eu son cazadora e Iolanda non sabe nada diso. Eu son promiscua e ela non. Eu bebo e drógome e Iolanda non pode porque ten unhas resacas terribles. Eu son heterosexual e Iolanda non o ten moi claro…

"Iso quero deixalo claro, moita xente confúndeme con Iolanda, pero eu son Marleen. Non somos a mesma"

O vocabulario sexual do libro, por certo, é moi rico. Sabes como o traballou Iolanda?

Pois eu penso que, se algún valor teñen os textos -porque a miña vida tampouco é tan interesante- é precisamente o feito de volver sobre eses termos, que están un pouco en desuso. Iolanda utilizou palabras que eu non uso nin coñezo. Pero quixo botar man delas para enriquecer o relato. E si que me falara dun recurso que había en Vieiros: o Vocabulario Sexual Galego. E despois hai outra cousa: Iolanda fora unha das autoras do guión de ‘O Divino Ferrete’, unha película porno galega que quedou en proxecto porque non deron atopado unha actriz porno que falase galego. Así que, dalgunha maneira, podo supoñer que ‘O divino ferrete’ levou a ‘Noites de Safari’... Pero terías que preguntarlle a Iolanda.

"Iolanda utilizou palabras que eu non uso nin coñezo. Pero quixo botar man delas para enriquecer o relato"

‘Noites de safari’ non é pornográfico, pero si ten partes bastante eróticas. Non hai moita narrativa en galego na que o sexo estea tan presente -si hai máis, quizais, en poesía-, mais hai algo que tiña que preguntarche: como imos superar que o teu mellor amante fose un facha? -Un auténtico facha-.

(Ri). Pois é que foi así. Era un amante de primeira. Era totalmente retrógrado, pero moi bo na cama. Un amante de manual.

Tamén pasa un pouco o contrario. Tiveches amantes cun discurso moi de esquerdas que non eran nada xenerosos na cama. Poderían ser representantes doutro xeito de entender a masculinidade… que non se afasta tanto da de antes. Un exemplo é o gaiteiro.

Uff, si. Pode pasar iso que dis. No caso do gaiteiro, ademais, o que quería era ser admirado polas súas destrezas coa música. Quería unha espectadora, non unha persoa coa que compartir nada. Mais, falando de masculinidade, tamén hai homes aos que non lles apetece ser cazadores e depredadores, e o machirulismo dominante tampouco consente iso. Son considerados, por iso, menos homes… E logo tamén hai homes con pouca habilidade para a sedución que tentan enmascarala con ferramentas intelectuais. Que están moi centrados en proxectar unha determinada imaxe… Eu prefiro que non anden con tanto rodeo.

"Tamén hai homes aos que non lles apetece ser cazadores e depredadores, e o machirulismo dominante tampouco consente iso"

A redacción do libro leva a pensar, se cadra, que vives unha contradición constante entre o teu proxecto empoderador e o teu desexo de non estar soa, de ter parella estable. Pero se cadra non é tan fácil. Unha muller con parella tamén pode sentirse soa e ter dependencia emocional e sentirse mal polo que a súa parella lle fai ou di.

E tanto!

Quero dicir que, se non nos decatamos disto, o libro podería ata interpretarse coma unha sorte de fábula de advertencia contra a promiscuidade, no sentido de: se non segues o camiño marcado, vas acabar soa, humillada…

Entendo o que dis e estou de acordo. Mais eu engadiría algo, que é a importancia, no libro, da nosa parte animal. Da bioloxía. -E Iolanda xa falou nalgunha entrevista de Félix Rodríguez de la Fuente, que tanto lle gustaba. Da homenaxe a el que dalgunha maneira tamén contén o libro….-. A ver, eu penso que conservamos algo en nós moi cavernario. Eu decido empoderarme, saír cazar. E que viva a promiscuidade, que hai que desfrutar da vida. Pero é un pouco como o anxiño e o diaño dos debuxos animados. Tampouco podo esquecer que son femia, que levo en min o instinto reprodutivo, e que iso me fai quizais proxectar nos meus amantes ideas de estabilidade, de futuro… Ese debate existe en min. E penso que non ten sentido negalo. Porque falamos de empoderarnos e é moi necesario, claro, pero iso está en nós tamén.

"Tampouco podo esquecer que levo en min o instinto reprodutivo, e que iso me fai quizais proxectar nos meus amantes ideas de estabilidade, de futuro..."

Co argumento da bioloxía tamén hai que ter coidado, porque o utilizan moitos machistas para xustificarse: o macho que vai poñendo a súa semente por aí... Mais o que quería dicir é que ti, como muller cazadora, tes contradicións, igual que as mulleres con parella estable, que tamén as temos. E moitas.

Claro! Mesmo hai moitas mulleres con parella estable que tamén son promiscuas. Que senten, dalgunha maneira, necesidade de buscar fóra. Hai mulleres con parella que teñen unha relación que é máis fachada ca outra cousa… E a promiscuidade non ten que ser ademais algo só físico. Podes estar implicada emocionalmente con outra persoa, aínda que non sexas o que se entende normalmente por “infiel”. Ademais, por moito que nos conten do amor, cantas parellas hai cun amor “puro”, tal como nos venden?

"Por moito que nos conten do amor, cantas parellas hai cun amor “puro”, tal como nos venden?"

En cantas se respecta a liberdade do outro, non hai celos…? Cantas están xuntas por certa inercia, ou porque se meteron nun embrollo de fillos e compromisos e xa non dan saído? Por certo, Iolanda contárame que houbera un libro que a influíu para escribir este: ‘Como ser mujer’, de Caitlin Morán. Houbo unha época que Iolanda deixou de escribir os meus relatos. O que dicía esta autora era moito máis interesante. O libro sobre min estivo, así, gardado nun caixón bastante tempo. Despois Iolanda retomouno, decidiu acabalo.

En relación co que estabamos a falar, sobre todo ao final do libro fálase de que as mulleres que non seguen as normas son, un pouco, consideradas mulleres de segunda. As que non teñen parella estable, nin traballo estable… Mesmo algunha vez temos caído nosoutras na trampa de dicirlles ás nosas amigas promiscuas “é que non te fas respectar”.

Si… Mesmo podo dicirche que ás veces che dá a impresión de que envexan a nosa liberdade…. Nós escollemos un camiño, que é rebelarnos, como dis, contra o camiño marcado. Contra un proxecto de estabilidade na vida, en xeral: o traballo estable, o piso, o marido… E é como, si, nos considerasen mulleres de segunda. A propia Iolanda, cando eramos amigas, tense posto paternalista comigo, no sentido que ti contas: dicirme que tiña que ser doutra maneira, que tal…

"A propia Iolanda, cando eramos amigas, tense posto paternalista comigo"

De feito, Iolanda e eu tivemos un conflito e acabamos mal. Mais si, non é a primeira vez que oio que unha muller non debe andar por aí de noite borracha e drogada, que iso nunha muller non queda ben -nun home si-. Pero tamén é certo que nós, ao vernos no noso propio futuro, tampouco nos percibimos tan libres. Quero dicir, que nós tamén podemos pensar que, ao cabo, as que escolleron o camiño convencional son tanto ou máis libres ca nós. Porque nós estamos soas, sen cartos…

Outra cousa que pode deducirse da lectura é que pode ser un reflexo, tamén, diso que chaman “poliamor”. Da busca doutras maneiras de relacionarse… Coas súas trampas e contradicións -igual que a maneira tradicional de entender as relacións amorosas-. Que opina Marleen do poliamor?

Ben, en realidade o que conta o libro non ten que ser iso necesariamente, porque non queda claro que parte dos amantes sexan simultáneos, que coincidan no tempo, aínda que se pode deducir que si. Tampouco os relatos están organizados por orde cronolóxica, senón pola letra do apodo do amante. Iolanda pensa, -é que dicía cando falabamos-, que o do poliamor ten bastante de mentira…

"Temos contradicións, claro, escollamos o camiño que escollamos"

Pero ben, indo á pregunta. É que eu realmente non tiña un pacto de fidelidade cos meus amantes. Eles non a querían tampouco. Eu estou moi a prol de que cadaquén faga o que queira, da promiscuidade se quere, de vivir a vida. Pero, como xa falamos, o que pasa é que ás veces acábaste enganchando e chorando… A min mesma parecíame que os casados podían ser os amantes ideais, porque suporían a liberdade máxima no meu proceso de empoderamento, no meu rol de cazadora: nunca me ían pedir compromiso. Pero tenme pasado de acabar pedíndolles que deixasen á súa muller… Temos contradicións, claro, escollamos o camiño que escollamos.

En relación con iso, os amantes son un pouco imbéciles e insensibles -e axentes do chamado micromachismo, e ás veces de algo máis-. Pero quizais ti tamén proxectas as túas inseguridades neles. Por iso che sentan tan mal cousas que che din, que son comentarios dun idiota…

Seino. Eu sei que teño unha autoestima baixa, que no meu proceso de empoderamento aínda me queda camiño por andar. Por iso me xorden conflitos como os que dis.

"No meu proceso de empoderamento aínda me queda camiño por andar"

Por certo, conta Marleen no libro dun día que se meteu nun “sarao” intelectual tras presentarse, polos cartos, a un certame literario. E o que viu alí non lle gustou moito. Por que?

A verdade, e supoño que pode pasar en calquera gremio “intelectual”, é que o que vin alí foi un mundo endogámico, narcisista, con personaxes, incluso, con grande habilidade para o servilismo. Uns discursos cheos de tópicos: os escritores, os de discursos máis afectados. Os do audiovisual, os máis narcisistas…

Tamén se comenta no libro -iso será seguramente achega de Iolanda- que é unha babecada admirar alguén só polo feito de que escriba libros. Quizais, na cultura galega, a posición dos escritores no proceso de construción nacional tamén tendeu a situalos un pouco nun pedestal.. O escritor como militante, case como salvador da patria… Non quero xeralizar con iso. Pero baixar do pedestal o que antes se subiu, leva tempo.

Mais ti pensas que é só en Galicia?

Se cadra noutros lugares importan máis outros factores. Mais aquí, por exemplo, e iso téñoo observado moito, é máis tendencia dos escritores homes pensar que son moi importantes e que merecen que todo o mundo lles faga moito caso. Ás escritoras chámalas e moitas veces non queren falar porque se senten inseguras…

Non o sabía, mira. Pero o que si penso, respondendo á túa pregunta inicial, é que por ter as catro ferramentas para xuntar letras e que quede algo que non sexa moi mediocre, non mereces admiración. Non sei por que os oficios intelectuais deslumbran máis.

"Non sei por que os oficios intelectuais deslumbran máis"

Debes sabelo ben, porque traballaches bastante de camareira. Seguramente non te tratan igual se saben que tes un libro -aínda que non o escribiras ti- que se pensan que es camareira.

O trato é diferente, si. A primeira reacción é a sorpresa. Se tes un libro, que fas traballando de camareira? E non, non é igual ir de escritora -e eu teño dito que o son para ligar- que de camareira.

Acabo de lembrar o último libro de Pati Janeiro. Fala da vida dunha camareira. De precariedade, vamos. ‘Noites de safari’ tamén fala de precariedade. Pois non hai tantísimos libros tan directos, tan auténticos, na nosa literatura, nese sentido, coma os vosos, por exemplo. Se cadra a literatura precisa máis proletarios, porque hai un desequilibrio en favor das chamadas profesións liberais. Mais, imaxino, ser obreira e escritora debe ser difícil…

Si, hai moita maior presenza, na literatura, de intelectuais, profesores… E si, eu sei o que lle pasou a Iolanda. Tivo, por exemplo, que dedicar todo un paro, ata esgotalo, para acabar ‘Noites de safari’ e escribir outro libro que ten sen publicar. É moi difícil: se es camareira, non podes pedir uns días para acabar outro traballo, non podes planificar con antelación as vacacións para organizarte para escribir… Non é o mesmo. A Iolanda preguntábanlle por que non publicaba máis, despois de ‘Periferia’. Pero é que é moi difícil sendo unha traballadora precaria. Se non tes diñeiro para poñerte como autónomo, se non preparas unha oposición… E preparar unha oposición tampouco che garante nada.

"Son consciente da miña dependencia, mais tamén de que eran uns badulaques"

No teu discurso salientas moito a falta de empoderamento. Mais se cadra es máis libre do que ti mesma cres. Coas túas contradicións. Sabes perfectamente que te liaches con badulaques. E penso que nunca namoraches de ningún deles. Aínda que en certos momentos pensases que si, levada pola “soidade”, por eses roles de dependencia que herdamos. Mais, moitas veces, es ti quen os afasta. Non creo que os precises.

Podería ser. Tamén se cadra por iso a dificultade de atopar algún que me encha o ollo. Mais si, son consciente da miña dependencia, mais tamén de que eran uns badulaques. É por exemplo o que me pasou co meu amante futboleiro… Nun momento pensei que sentía amor, pero acabei esquecéndome del. Se cadra non os necesito, non. Se cadra non preciso a estabilidade que parece buscar todo o mundo…

© Pelu Vidal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.