Miro Casabella: "O PP non me coñece nin me quere coñecer"

Miro Casabella, na actualidade © Editorial Galaxia

Seica Miro Casabella non é profeta na súa terra. Cando menos para os concelleiros do Partido Popular de Valadouro. O pasado venres o pleno municipal da localidade mariñá debateu unha moción, presentada polo grupo independente Udival, para que o cantautor nacido en Ferreira de Valadouro en 1946 fora nomeado fillo predilecto da vila. Os concelleiros de PSdeG-PSOE (3) e BNG (1) apoiaron a proposta de Udival (2), mentres que os cinco edís do PP se abstiveron. Porén, é necesaria unha maioría de dous terzos para a aprobación deste tipo de designación, polo que a proposta foi rexeitada.

Udival, PSdeG e BNG destacaron a loita que Casabella levou a cabo por Galicia e a promoción que sempre fixo da súa terra. Porén, os populares xustificaron a súa abstención porque "consideramos que este señor non fixo nada polo pobo" e en que "o 80 % dos veciños do Valadouro non saben quen é Miro Casabella". María José Fernández, de Udival, fronte ao argumento popular de que Casabella non fixera "nada" por Valadouro, lembrou que dende o Concello se lle pedira que fixera unha canción, que aínda hoxe se utiliza para a promoción turística do concello. A concelleira independente acusou o portavoz popular e ex alcalde, José Manuel Lamela, de actuar en base a "resquemores". O pasado mes de xuño foi desaloxado da alcaldía por unha moción de censura na que Udival apoiou o socialista Edmundo Maseda.

Os populares xustificaron a súa abstención porque "consideramos que este señor non fixo nada polo pobo" e en que "o 80 % dos veciños do Valadouro non saben quen é Miro Casabella"

E que pensa Miro Casabella da polémica xerada á súa costa? Pois pouca cousa. Este martes o cantautor e membro de Voces Ceibes recoñecía non saber nada do asunto, nin da proposta presentada, nin do seu rexeitamento por parte do PP, aínda que é unha idea que no pasado lle fora comentado por algún amigo de Valadouro. “Normal que os do PP non me coñezan. Nin me queren coñecer”, di, rindo. "Afortunadamente o PP non é todo O Valadouro", engade, "din que o 80% dos veciños non me coñecen, pois este xullo actuei alí nunha festa da música e no público estaba máis dos 80% da vila". Casabella, que di que segue facendo música "todos os días", pois "todos os días escribo algunha canción", subliña que “a min non me importa ser fillo predilecto. O que fixen fíxeno porque si, non para que me nomeen fillo predilecto”.

 

Corenta anos na música

“Normal que os do PP non me coñezan. Nin me queren coñecer”, di, rindo. "Afortunadamente o PP non é todo O Valadouro"

Nado en Ferreira de Valadouro en 1946, Miro Casabella marchou a Barcelona en 1964. A experiencia catalá meteuno en contacto co movemento da Nova Cançó, que o marcou profundamente. Foi tamén en Cataluña onde gravou os seus primeiros discos, a finais da década dos sesenta: Miro canta as súas cancións e Miro canta Cantigas de Escarnho e Mal DizerO seu contacto co grupo Voces Ceibes tivo lugar a mediados do ano 1968, cando Benedicto e Xerardo Moscoso acudiron á capital catalá co gallo de gravaren os seus primeiros traballos. Miro integrouse no colectivo e mesmo chegou a participar do seu concerto fundacional en Compostela, o 1 de decembro daquel mesmo ano.

En 1977 veu a luz o disco Ti, Galiza, onde figura (con letra de Xosé Manuel Casado), O meu país, unha das súas cancións máis populares. Un ano máis tarde publicouse Treboada, con arranxos de José Mário Branco e a colaboración de Pi de la Serra. A finais dos anos 70, Miro entrou en contacto co grupo folk DOA, que lle propuxo colaborar no que ía ser o seu primeiro traballo. O último traballo individual do cantor foi o disco Orballo, do ano 2004,

Miro Casabella, na actualidade © Editorial Galaxia
Miro Casabella Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.