"Móllate polo galego"

Presentación da campaña no Concello de Rianxo coa participación de Tonhito de Poi CC-BY-NC Certo Xornal

A campaña Móllate polo galego busca aumentar a sensibilidade dos mozos polo idioma galego e faino a través dun concurso fotográfico. Está organizada pola plataforma Vitaminas para o galego e o Concello de Rianxo e aínda que as imaxes non teñen que ser realizadas necesariamente en Rianxo o xurado valorará que se faga referencia a esta vila, berce de Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio. E tamén do poeta Gonzalo Hermo, o escritor Ramón Torrado, de Xens, no Araño, ou proxectos editoriais con iniciativas tan novidosas como Axóuxere, que acaba de crear a primeira residencia para escritores de Galicia, como lembra o xornal Certo.

Cada imaxe deberá ser orixinal e levar nela o lema Móllate polo galego coas posibles variantes Eu móllome polo galego, Móllome polo galego e similares. Nas imaxes pode ir a camisola que dá de balde o Concello de Rianxo o día 22 de setembro pola tarde na praia de Tanxil ou pode ir o lema feito ou escrito con outros materiais pola autora ou autor da foto. Cada imaxe -pódese participar coas que se queira- debe ser enviada ao correo electrónico mollate@vitaminasparaogalego.gl. O prazo para enviar as imaxes remata o 29 de setembro.

O primeiro premio será unha noite de aloxamento na casa rural A Pousadoira, de Callobre, en Miño (A Coruña) a convir no mes de outubro cos que rexentan este establecemento que tamén se molla polo galego. Unha oportunidade magnífica para coñecer, ou voltar a visitar, as impresionantes Fragas do Eume. O segundo premio é dun centro de ensino e academia de informática de Rianxo, Informática Castelao que doa un tablet por mollarse pola lingua propia de Galicia. O terceiro premio é unha sorpresa que se dará a coñecer o sábado 22 de setembro, no reparto de camisolas na praia de Tanxil a partir das 16:30.

 

Vitaminas

A iniciativa, impulsada dende un inicio por Galicia Confidencial, Tempos Novos, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Val Miñor.info e Quepasanacosta, conta xa con 25 medios asociados, pois as devanditas cabeceiras se lles uniron con posterioridade Certo xornal dixital de Barbanza e Noia, Osil.info de Valdeorras, Crónica3 da Mariña Lucense, Radio Nordés (Cadena Ser Costa da Morte), Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), a revista de surf SurfGZ, Cadernos de Comunicación e Análise; O periódico de Lalín e Comarca; Hermes e Atenea, xornal en galego de deporte e cultura; Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia; o xornal De Luns a Venres; Cabozo, a rede social galega; a rede de blogues Vencello; Cartafol, a revista multimedia para Ipad; A Nova Peneira, o programa radiofónico Plástico Elástico e os mensuais Gaceta de Fene e Cerne, xornal da terra de Melide.

O obxectivo da campaña, en palabras dun dos seus principais impulsores, Henrique Sanfiz, director de Radiofusión, a rede de emisoras municipais de Galicia, é dobre: “sensibilizar sobre a necesidade de que haxa medios de comunicación en galego para garantir a transmisión interxeracional”, ademais da “procura de recursos económicos para axudar á supervivencia dos medios”.

Presentación da campaña no Concello de Rianxo coa participación de Tonhito de Poi CC-BY-NC Certo Xornal
Un exemplo das imaxes que se poden enviar CC-BY-SA Xornal Certo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.