"Montoro e Wert están acabando co cinema español adrede"

Paco Roca e Ángel de la Cruz reciben o Goya polo filme Dominio Público Praza Pública

Ángel de la Cruz recibirá o premio ao mellor guión adaptado no Festival de Cine Internacional de Ourense por Engurras. Será a primeira vez que se entregue este galardón, que organiza a Federación de Libreiros de Galicia, dentro dos premios Irmandade do Libro. O guión de Engurras foi realizado por Ángel de la Cruz xunto con Paco Roca, Ignacio Ferreras e Rosanna Cecchini a partir do cómic do propio Paco Roca.

Este recoñecemento súmase aos moitos que recibiu o filme, e chega nunha semana na que a situación económica do cine español centrou parte da actualidade, despois de que o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, ao ser preguntado polo incumprimentos de varios compromisos do Goberno co cine, afirmou que a mala situación económica do cinema español se debía á súa falta de "calidade". Ángel de la Cruz segue traballando e poderemos ver moi pronto na TVG a súa tv-movie Todos os Santos e tamén vén de producir o documental Querida Gina.

Que significa para ti este premio, tanto por proceder dos libreiros, coma por recoñecer un filme que che deu tantas alegrías?

Recíboo con moita satisfacción, por ser por esta película, que efectivamente me deu moitas alegrías, e precisamente por ser un premio que entrega a Federación de Libreiros. Tamén me alegra moito por ser o primeiro premio que se entrega a un guión, e creo que é unha maneira de recoñecer o traballo dos guionistas, polo traballo que realizan en paralelo á literatura.

"Quéixome da súa actitude, de que hoxe saian dicindo que van comezar a pagar os 70 millóns de euros que lle debe o Goberno ao cinema español, e dino como se fose algo extraordinario, cando é a súa obriga"

Este galardón contribúe a reflectir a relación estreita entre cine e literatura?

Ás veces dise que os guións son os irmáns pequenos da literatura. E é certo que os guións non se fan para ser lidos, senón que a súa función é ser convertidos nunha película. Pero tamén as obras de teatro se poden ler como literatura, e hai grandes dramaturgos que foron premios Nobel. Por que non se vai recoñecer entón o traballo dos guionistas? En España hai un gran culto ao director, e moitas veces o director é tamén guionista ou coguionista. Pero noutros países, coma os Estados Unidos, a realidade é distinta, e a maior parte das películas son guións adaptados, de novelas ou de cómics, coma o caso de Engurras. O director é menos estrela e o que se busca é ter unha relación máis estreita entre cinema e literatura.

Que che pareceron as declaracións de Montoro sobre a "calidade" do cinema español?

En primeiro lugar é inadmisible que un ministro de España fale mal dun produto español. É coma se mañá sae Feijoo e di que os estaleiros galegos son unha porquería. Aínda que este fose o caso, que non o é, porque o cine español deu e segue dando grandes obras, esta non é forma de comportarse do ministro. A realidade é que se están cargando o cinema español, e hai que dicilo claramente: Montoro e Wert estanse acabando co cinema español adrede, nunha especie de vinganza política. Eu non me queixo dos recortes, todos temos que ser solidarios e todos temos que apretar o cinto, nós os primeiros, eu prefiro que recorten as axudas ao cine e non en sanidade ou educación. Non falo dos recortes, falo da suba do IVE, somos o único país de Europa que o ten ao 21%, cando en Francia vai baixar do 7% ao 5% este mes de xaneiro. Quéixome dos incumprimentos sistemáticos que están tendo as operadoras de televisión nas súas obrigas de achegar parte dos seus ingresos para a produción cinematográfica. Quéixome da política de RTVE, a primeira medida que tomou este goberno foi recortar o orzamento de TVE á metade. Quéixome da súa actitude, de que hoxe saian dicindo que van comezar a pagar os 70 millóns de euros que lle debe o Goberno ao cinema español, e dino como se fose algo extraordinario, cando é a súa obriga.

"Montoro non é que teña que dimitir, senón que o presidente do Goberno o tiña que cesar por falar mal da marca españa, porque o cinema tamén é marca españa, e dá traballo a 21 mil persoas"

Por onde pasa a solución?

O primeiro que deben facer é cumprir os seus compromisos. Pero hai tamén a posibilidade de poñer en marcha incentivos fiscais, que existen, con distintas porcentaxes de devolución dos impostos, en moitos países de latinoamérica. Prometeron unha Lei de Mecenado que non chegaron a aprobar, incumpren a súa propia Lei do Cine... Hai moitas propostas de solución sobre a mesa, pero hai falta de vontade no Goberno. Falta de vontade, sobre todo, por parte de Montoro, e agora aínda por riba temos que aturar as súas impertinencias. Montoro non é que teña que dimitir, senón que o presidente do Goberno o tiña que cesar por falar mal da marca españa, porque o cinema tamén é marca españa, e dá traballo a 21 mil persoas. E hai moitas empresas que están pechando, e xente que está quedando na rúa, e este señor vai e di que é un problema de calidade do cine: o problema é a calidade dos políticos.

Fotograma de 'Engurras' © Praza Pública
Paco Roca e Ángel de la Cruz reciben o Goya polo filme Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.