Moonrise Kingdom: cinema infantil con miolos

Moonrise Kingdom © Praza Pública

Chega o verán, e con el as estreas decepcionantes. Tamén é o momento de darlle un respiro a esta colaboración por uns meses, que nas vindeiras semanas intuímos quedaría un pouco raquítica. A falta de vitaminas de autor na carteleira desta semana queda compensada pola vitalidade dunha proposta aínda nas salas: Moonrise Kingdom. O novo de Wes Anderson segue a voltas co universo infantil inaugurado por Fantástico Mr. Fox, marabillosa película de animación en stop-motion, esa técnica que fixo famoso ao Harrihausen de Jasón y los argonautas ou ao Burton de Pesadelo antes do Nadal.

Anderson está considerado por algúns como un dos máximos expoñentes desa xeración de cineastas ianquis preto dos 50 anos, debedores do Novo Hollywood de Scorsese, Coppola e compañía. Engádanse á nómina Quentin Tarantino, Paul Thomas Anderson, James Gray ou David Fincher, entre outros. Máis aló de ter compartido algunha caña e de ser todos bos cineastas, parécense entre eles como a noite e o día, mais os críticos gustamos destas clasificacións para facernos a vida máis doada. Persoalmente, ata que se volveu infantil, non considero que Anderson fose un autor adulto e completo, centrado, como si o son os outros da listaxe.

Life Aquatic ou Os Tenenbaums eran simplemente demasiado estridentes como para centrarse no drama dos personaxes, que acababan por provocar repulsión

Life Aquatic ou Os Tenenbaums eran simplemente demasiado estridentes como para centrarse no drama dos personaxes, que acababan por provocar repulsión. A opulencia visual tapaba a grandeza duns guións tan interesantes como irregulares. Todo o humor e a estética que o veñen caracterizando toman o nivel de filme total en Moonrise Kingdom. Cun arranque xenial, no que introduce os personaxes e os lugares da illa ficticia na que viven a través de traballados travellings laterais ou verticais, Anderson logra con grande concreción narrativa meternos rapidamente na pel de dous adolescentes que foxen da casa para ter xuntos unha aventura romántica.

Se cadra a man de Roman Coppola no guión poda ter algo que ver cuns diálogos secos, directos e retranqueiros, que son unha delicia. O máis importante da película é que irradia a vitalidade propia dunha idade xa perdida, na que todo é posible se estás disposto a soñalo. Nun mundo con toques tan oníricos e surrealistas, todo vale, de modo que o director insire técnicas de animación e trucaxes propios do mellor Meliès cando lle prace, sen que a obviedade do truco, enxebre, moleste. Máis ben é outro dos valores dun filme planificado case que fotograma por fotograma, cunha precisión propia do mellor artesán (no mellor sentido da palabra), que chega a perfeccionar unha técnica a base de probas e erros.

Anderson ten no técnico alma de director artístico, de aí que lle dea unha grande importancia aos efectos especiais, escenarios e aos obxectos que hai neles

Anderson ten no técnico alma de director artístico, de aí que lle dea unha grande importancia aos efectos especiais, escenarios e aos obxectos que hai neles. Detalles como as portadas pintadas a man dos libros de aventuras e ciencia ficción que leva Suzy, a rapaza escapada, na mochila; ou o deseño do tocadiscos, con ese espléndido disco de Françoise Hardy, Le temps de l'amour, soando na escena máis emotiva do filme; suman puntos a un filme que funciona tamén pola boa escolla de casting. A boa planificación de Anderson na secuencia da cala, a excelente fotografía de Robert D. Yeoman, e unha notable montaxe; fan destes minutos, nos que Suzy e Sam aprenden o que é bicarse ao ritmo da música de Hardy, unha verdadeira gozada. Mais nada funcionaría sen eses portentos que son Kara Hayward e Jared Gilman. De onde sacou Anderson estes raparigos?

Moonrise Kingdom é unha película para a toda a familia sen engano publicitario

No lado dos adultos, totalmente disfuncionais nas súas vidas privadas e profesionais -xa o diciamos hai un par de semanas: a xuventude é o único futuro a un sistema anquilosado-, unha recua de nomes de primeira e con moitos ceros no cheque: Bruce Willis, Edward Norton, Frances McDormand e un xa habitual Bill Murray -Anderson gusta de repetir con certos actores, tendo xa Murray participado en seis dos seus nove filmes-.

En resumo, Moonrise Kingdom é unha película para a toda a familia sen engano publicitario. Aquí os adultos atoparán múltiples puntos de interese -non deixa de ser a cinta unha fábula que nos tira das orellas-, mentres que a mocidade descubrirá que existe outro cinema estimulante máis aló de Walt Disney.

Moonrise Kingdom © Praza Pública
Moonrise Kingdom © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.