Morre aos 34 anos o xornalista e escritor Pablo L. Orosa

Pablo L. Orosa ©

Pablo L. Orosa morreu esta noite aos 34 anos de idade. O xornalista e escritor nacido en Oza-Cesuras regresara hai dúas semanas dunha viaxe a Mozambique e comezara a sentirse mal. O autor da novela Fálame do silencio (Xerais), traballara como reporteiro 'freelance' para moitos medios de comunicación, dende El País, Eldiario.es, Naiz ou La Marea, cubrindo numerosos conflitos internacionais, en Asia, África ou América. Tamén colaboraba habitualmente na revista Luzes.

O xornalista e escritor regresara hai dúas semanas dunha viaxe a Mozambique e comezara a sentirse mal

Congo, Etiopía, Somalia, Sudán do Sur, Camboxa, Sri Lanka, Haiti, Irak, Turquía... Dende o ano 2013 percorrera medio mundo facendo xornalismo, contando historias de conflitos moitas veces ignorados polos medios de comunicación. Fora recoñecido co premio de xornalismo solidario Memorial Joan Gomis pola reportaxe La tregua de los zapatos, publicada en eldiario.es.

Pablo L. Orosa, recollendo o premio de xornalismo solidario Memorial Joan Gomis ©

Hai uns meses publicara, ademais, a súa primeira novela, Fálame do silencio (Xerais), "unha obra sobre os silencios que, tamén, nos conforman. Que son parte do que somos, contrariando, moitas veces, o que quixeramos ser". Nesta entrevista destacaba que “A maior derrota que sufrimos foi a perda da esperanza, a idea de que non hai alternativa posible”.

Na súa páxina web, onde recollía os seus traballos. Nela escribía: "Expulsado das redaccións, comecei a viaxar polo mundo na procura de xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas. Xente que pode cambiar o mundo. Ou quizais murchalo aínda máis. Porque o xornalismo atopa na escala de grises o espazo para ser o que soñou ser: unha fiestra dende a que mirar e entender".

"Expulsado das redaccións, comecei a viaxar polo mundo na procura de xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas", escribía sobre si mesmo

"Dende 2013 percorrín Oriente Medio, Sudeste Asiático e América Central contado as ausencias da posguerra iraquí e o conflito kurdo; narrando a morte de linguas milenarias ou o xenocidio da minoría rohingya en Birmania; ou tratando de entender por que en Guatemala a sociedade camiña mirando cara atrás", dicía. Hai tres días publicou na web a súa derradeira reportaxe, centrada nas irregularidades electorais rexistradas en Mozambique.

Dende que na mañá deste sábado se coñeceu a noticia, varios dos medios cos que colaboraba habitualmente, como Luzes, Naiz ou La Marea comezaron a publicar mensaxes de pésame, lamentando a morte. "Pablo representa todo lo que significa ser un buen compañero. Esa mirada, esa generosidad, esa profesionalidad. Tanta tristeza. Gracias por tanto", escriben dende La Marea. E en termos semellantes exprésanse en Luzes:

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.