Morre aos 97 anos Luz Pozo Garza, voz esencial da poesía galega do século XX

Luz Pozo Garza © RAG

Luz Pozo Garza finou este luns na Coruña aos 97 anos de idade. Nacera en Ribadeo en 1922 e ao longo da súa vida esta poeta, ensaísta e catedrática de literatura de ensino medio converteuse "nunha das voces esenciais das letras galegas da segunda metade do século XX", segundo desta a Real Academia Galega nunha nota de homenaxe.

Naceu en Ribadeo, pero residiu tamén en Viveiro, Lugo, Vigo ou A Coruña

Con catorce anos, por mor da Guerra civil e da persecución da que foi obxecto seu pai, trasladouse coa súa familia a Lugo e, posteriormente, a Marrocos, instalándose finalmente en Viveiro cando regresou a Galicia. Tivo unha longa traxectoria como docente de ensino medio, que a levou a Vigo e ao instituto de Nigrán, onde se xubilou en 1987. Dende entón residía na Coruña, onde faleceu.

Con só 28 anos, en 1950, foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega, pero non foi ata 1996 que se converteu en académica de número, ingresando cun discurso titulado Diálogos con Rosalía, a primeira intervención deste tipo escrita no código da poesía, un discurso respondido por Xesús Alonso Montero. Así o destacamos nesta reportaxe

Como académica de número, Luz Pozo foi a segunda muller, tras Olga Gallego, en ocupar unha cadeira no seu pleno e a primeira en ocupar un posto de dirección na institución, ao asumir a vicesecretaría entre 1997 e 2001. No seu 95 aniversario, a RAG publicou Un pozo de luz, unha homenaxe colectiva á auotra

Luz Pozo Garza © Xunta

A súa produción poética en galego abrangue case 70 anos, dende o inicial O paxaro na boca (1952), publicado na Colección Xistral

Publicou máis de 15 poemarios e media ducia de ensaios, ademais de múltiples colaboracións en obras colectivas. A súa produción poética en galego abrangue case 70 anos, dende o inicial O paxaro na boca (1952), publicado na Colección Xistral, proxecto editorial creado polo pintor Ánxel Johán e o poeta Manuel María dende Lugo e que se inaugurou con este volume. 

Nestas décadas a poeta alternaba a súa produción en galego e en castelán, mais a partir dos anos 70 Luz Pozo pasou a publicar unicamente en lingua galega, con Últimas palabras / Verbas derradeiras (1976), Concerto de outono (1981) ou Códice calixtino (1986). 

Con só 28 anos, en 1950, foi nomeada membro correspondente da RAG, pero non foi ata 1996 que se converteu en académica de número

Como destaca a RAG, a poesía de Luz Pozo bebeu con frecuencia na fonte de Rosalía de Castro, á que rendeu homenaxe en obras como Vida secreta de Rosalía (1996) ou Medea en Corinto (2002), poema polifónico no que galeguizou este mito clásico. "O amor e a sensualidade foron dúas constantes na súa obra, caracterizada por un fondo lirismo e o diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal. A luz como elemento simbólico central é outro sinal de identidade dunha autora que nunca deixou de escribir", subliña a Academia.

Nas súas obras foron centrais o amor, a sensualidade, Rosalía de Castro como referente e a luz como elemento simbólico

A poeta seguiu escribindo e publicando ata os seus últimos anos e, de feito, aínda o pasado ano puidemos ler Pazo de Tor, un libro no que visita as raíces da memoria familiar, especialmente as da súa nai. Da súa nai tomou moitas cousas, entre elas o seu nome literario, pois Dolores Elvira Pozo Garza adoptou o nome de Luz en homenaxe á súa nai, Luz Garza Feijoo. "Quíxena moitísimo, entregouse a min toda a vida. Foi a primeira que me ensinou música e cultivou moito en min o afán de escribir", destacaba a autora.

Foi recoñecida coa Medalla Castelao (1995), o Premio Celanova (2001), o Premio Laxeiro (2013), o Premio Trasalba (2019). De igual xeito, en 2018 Viveiro nomeouna filla adoptiva e deulle o seu nome á Escola de Idiomas da localidade. Tamén no ano 2018 foi unha das primeiras autoras homenaxeadas no Xardín das Pedras que Falan inaugurado en Compostela, no que está acompañada por Rosalía ou por Seamus Heaney. Finalmente, en xaneiro deste 2020 foi recoñecida como filla predilecta do seu Ribadeo natal.

 

Fragmento de 'Cantiga para ler en tempo de penumbra' (Códice Calixtino, 1986)

Cae unha folla intacta coma laio
talvez volver os ollos a contemplar o tempo
bailar corpo belido
no centro da mudanza onde o mar é levado
e non saber a forma precisa da demora:
     E ai Deus se virá cedo!

Dormir soñar morrer acaso
agardar un encontro para se tornar caricia
e bañarse nas ondas
nas mesmas vivas aguas da existencia
sílabas delicadas ausencias repentinas
a se perder no reino do lamento:
     E ai Deus se virá cedo!

Luz Pozo Garza © Concello de Viveiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.