Berta Álvarez Cáccamo, de 55 anos de idade, faleceu este xoves en Vigo "de maneira inesperada", segundo comunicou a editora Chan da Pólvora, coa que publicara recentamente o libro Tinta de luz. Berta Cáccamo era unha das figuras clave da arte contemporánea galega das últimas décadas, cun estilo abstracto e conceptual.
A artista finou este xoves en Vigo "de maneira inesperada"
Comezou a expor en 1986, vinculada á corrente renovadora do grupo Atlántica. A finais de 2016 o CGAC acolleu unha mostra retrospectiva da súa obra, baixo o título de Berta Cáccamo. Expansión ensaio. O pasado ano Cáccamo recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas, pouco antes da súa derradeira exposición, o pasado ano na Galería Trinta de Santiago de Compostela. Atalaia, o espazo de artes plásticas de Culturagalega.org recolle máis información sobre a súa traxectoria, destacando que a obra de Cáccamo pretende “expresar” máis que “representar”, no sentido de que a súa pintura se estende polo lenzo como unha descarga de tensión acumulada.
As reaccións á súa inesperada morte comezan a multiplicarse nas redes sociais. "Un día inmensamente triste pola da morte da artista Berta Cáccamo. Queremos acompañar co noso sentimento á familia e ás amistades neste durísimo momento. Dor pola desaparición dunha creadora inmensa da que nos queda unha grande obra", destaca a Área de Cultura da Deputación da Coruña. "Tristísima noticia para a arte, foise Berta Cáccamo. Hai pouco mais dun ano celebramos a súa máis grande retrospectiva no CGAC. Grandísima pintora, clave para entender a arte galega e española das últimas décadas", sinala a Fundación DIDAC.
A finais de 2016 o CGAC acolleu unha mostra retrospectiva da súa obra e o pasado ano recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas
Dende Praza Pública conversamos con ela o pasado mes de febreiro para coñecer a súa valoración sobre o conflito que se está a vivir no MARCO de Vigo, sinalando Cáccamo que "non pode ser que un centro de arte destas características fose desmantelado sen contar coa opinión da gran comunidade artística e da comunidade cultural en xeral. O que pedimos é que se faga uso do código de boas prácticas e que se convoque un concurso de dirección".