Morre Salvador García-Bodaño, o activista cultural que "ergueu a voz coma poucos"

Salvador García-Bodaño CC-BY-SA RAG

García-Bodaño soubo, “coma poucos, erguer a voz e, en tempos ben miserentos, facer do canto un abeiro liberador, autentificador” destaca a RAG lembrando as palabras de Arcadio López-Casanova

Na mañá deste martes Salvador García-Bodaño faleceu en Compostela aos 87 anos de idade. Nacido en Vigo en 1935, o escritor pertenceu á chamada promoción dos 50 ou á Xeración das Festas Minervais. Ademais da súa actividade na escrita, García-Bodaño foi procurador dos tribunais, dedicouse a diversas actividades mercantís e tivo unha participación moi importante na Real Academia Galega, da que era académico de número e foi vicesecretario entre 2001 e 2009. 

A Academia foi unha das primeiras institucións en ofrecer publicamente o seu pésame esta mañá, destacando que García-Bodaño soubo, “coma poucos, erguer a voz e, en tempos ben miserentos, facer do canto un abeiro liberador, autentificador”, en palabras do seu compañeiro de xeración e tamén académico Arcadio López-Casanova, finado o pasado ano.

Salvador García-Bodaño en 2007 CC-BY-SA Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB)

Foi un destacado activista cultural dende os anos escuros da ditadura e nas décadas seguintes

Ademais das súas obras poéticas (un total de 8 poemarios publicados), traducións e libros de relatos García Bodaño mantivo unha intensa produción xornalística e foi un destacado activista cultural dende os anos escuros da ditadura. Neste senso, está considerado como membro da Xeración das Festas Minervais, grupo no que tamén se inclúe a Méndez Ferrín, Novoneyra, Avilés de Taramancos, Franco Grande, Xohana Torres e Manuel María. Neses anos colaborou no xornal vespertino La Noche, pertenceu ao Partido Socialista Galego (do que foi Secretario de Información e Propaganda na clandestinidade), formou parte do Consello da Mocedade e no ano 1961 foi fundador da Agrupación Cultural O Galo.

Pertenceu ao Partido Socialista Galego (do que foi Secretario de Información e Propaganda na clandestinidade), formou parte do Consello da Mocedade e no ano 1961 foi fundador da Agrupación Cultural O Galo

En 1967 foi -xunto a Carlos Casares- o tradutor ao galego das cancións de Raimon para o concerto que o cantautor ofreceu en Compostela, unha cita que constituíu o impulso definitivo á canción-protesta galega e ao nacemento, meses despois, de Voces Ceibes.

A Real Academia destaca "a fotografía que protagonizou na celebración do primeiro Día das Letras Galegas" no salón artesoado de Fonseca canda Xohana Torres, Arcadio López-Casanova e Carlos Casares, cos que compartiu un recital de homenaxe a Rosalía de Castro. En 1974 o Tribunal de Orden Público sancionouno por un recital poético no Círculo Recreativo e Cultural de Perlío (Fene), no que se incluían textos referentes á Revolución dos Cravos en Portugal e versos dedicados ao escritor chileno Pablo Neruda.

Salvador García-Bodaño, Carlos Casares, Arcadio López-Casanova e Xohana Torres na celebración do primeiro Día das Letras Galegas © RAG

Ingresou como membro de número da RAG en 1992 pronunciando o discurso "Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá". Aínda que nacera en Vigo, viviu en Santiago dende neno e a cidade marcou o seu universo creativo

O seu activismo cultural e político estendeuse ao longo dos últimos anos da ditadura e nas décadas seguintes. Así, en 1976 colaborou no lanzamento de Teima, en 1978 traballou na posta en marcha do Museo do Pobo Galego, e en 1980 formou parte da directiva da primeira Asociación de Escritores en Lingua Galega. Colaborou tamén na editorial Escola Aberta, no novo Seminario de Estudos Galegos (1983), na Fundación Padroado do Pedrón de Ouro e no Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, por citar só algunhas das entidades e iniciativas ás que estivo ligado.

Teima, Museo do Pobo, IGI, o novo Seminario de Estudos Galegos, Museo Carlos Maside, AELG, Fundación Padroado do Pedrón de Ouro... son algunhas das entidades e iniciativas nas que colaborou

Ingresou como membro de número da Real Academia Galega en 1992 pronunciando o discurso Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá, respondido por Carlos Casares. Aínda que nacera en Vigo, viviu en Santiago dende neno e a cidade marcou o seu universo creativo, tanto en obras poéticas como Tempo de Compostela (1978) ou no conxunto de relatos Os misterios de Monsieur D'Allier (Galaxia, 1992), Premio da Crítica Española de narración en lingua galega en 1993. A súa traxectoria foi recoñecida con outros galardóns coma o Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural (1988) ou a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2012). En 2021 foi nomeado presidente honorario do Ateneo de Santiago.

Homenaxe a Salvador García-Bodaño no Día Mundial da Poesía de 2019 © RAG
Salvador García-Bodaño © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.