Muguruza e o 'Sarri Sarri' puxeron a bailar toda Bemposta

Concerto de Fermin Muguruza © Óscar Pinal

O Reperkusión vive este sábado o seu día central, no que a festa se estenderá ata as oito da mañá do domingo. Milleiros de persoas se foron achegando ao longo de todo o día a Bemposta, para gozar dos concertos de tarde, as actuacións de circo e humor e os concertos de noite, protagonizados por Manu Chao, que ofrecerá un concerto de máis de dúas horas. Xunto a Manu Chao La Ventura, nos concertos da noite actuarán a Banda Fura Fura,  que interpreta en clave de rock algúns dos temas máis míticos de Zeca Afonso e os ucraínos Haydamaky, coa súa fusión de rock, ska e punk. A festa estenderase ata o amencer coa sesión dj de Hadri Hache.

O festival rematará este domingo 12 de maio cun fin de festa de acceso gratuíto. Ao longo da tarde actuarán Chimango, arxentino que expresa como ninguén a enerxía urxente da rumba barcelonesa; a banda ska-punk-folk galega The Skarnivals; os ourensáns Ménage à Trois e a súa fusión de ritmos bailables; e XeRock, grupo de rock formado por usuarios e traballadores do Centro de atención a discapacitados intelectuais San Xerome da Guarda (Pontevedra). 

O festival arrancou o venres co concerto de Fermin Muguruza. O artista vasco fixo un repaso pola súa carreira con continuas referencias a Palestina e Kurdistán. O concerto rematou co mítico tema de Kortatu Sarri Sarri. Logo viñeron os Artistas del Gremio facendo versións de todo tipo en clave de charanga. Os serbios Shazalakazoo fixeron vibrar ao público cos seus ritmos antes de que Supertumbaduo prolongase a festa ata a mañá deste sábado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.