Música en Branco financiará microproxectos culturais ligados á memoria sonora da Agra do Orzán

Actuación nun bus no programa itinerante 'Barriografías' CC-BY-SA Música en Branco

O proxecto Música en Branco: memoria da Agra do Orzán lanza unha convocatoria para o financiamento de accións culturais vinculadas ao patrimonio sonoro e musical do barrio que procuren activar procesos de produción colaborativos e impliquen a participación da veciñanza. O prazo para a presentación de propostas ábrese este xoves e pecharase o vindeiro 30 de xuño. As escollidas desenvolveranse no mes de outubro, coincidindo co peche deste proxecto de Sinsalaudio para o Concello da Coruña.

O proceso está aberto a todas as persoas físicas e xurídicas. Asociacións culturais, veciñais, sociais, ONG, empresas culturais, pensadores, xestores culturais ou comisarios, tanto do barrio da Agra do Orzán como do resto do territorio galego, poden concorrer e presentar propostas que, en todo caso, deben autoproducirse cunha dotación orzamentaria establecida entre 2.000 e 3.000 euros e a súa temática debe xirar arredor da memoria sonora e musical da Agra do Orzán.

As propostas poden ter estas características da Agra como pano de fondo e, no seu desenvolvemento, teñen que implicar de forma activa a cidadanía do barrio nalgunha das súas fases

Algunhas das conclusións que se tiraron do proceso poden servir como guía inicial para a elaboración dos proxectos propostos no concurso aberto. Entre esas conclusións, destacan trazos como a ausencia de espazos públicos, a escasa relación entre asociacións e colectivos, a alta densidade poboacional, a multiculturalidade ou o avellentamento da veciñanza. As propostas poden ter estas características da Agra como pano de fondo e, no seu desenvolvemento, teñen que implicar de forma activa a cidadanía do barrio nalgunha das súas fases. A duración dos proxectos, que deben levarse a cabo no mes de outubro, é dun día como mínimo e dun mes como máximo. As propostas, ademais, poderán realizarse nunha serie de espazos situados no propio barrio: comercios e zonas públicas vinculados ás areas comerciais, escolas e centros de formación, locais sociais, bares ou o Centro Ágora.

Para enviar unha proposta de proxecto é preciso encher a ficha de solicitude que a se acha no blog www.musicaenbranco.org e acompañar a mesma dun CV de non máis de tres folios. O prazo de recepción de solicitudes rematará o 30 de xuño e durante o mes de xullo darase a coñecer o resultado a través das distintas ferramentas de difusión de Música en Branco.

Actuación nun bus no programa itinerante 'Barriografías' CC-BY-SA Música en Branco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.