Nace Creatorio, directorio de creadores galegos

Captura de pantalla da web © ocreatorio.com

Vén de poñerse en marcha Creatorio, unha web que quere servir como directorio dos creadores galegos en moi distintos campos: ilustradores, fotógrafos, artistas, deseñadores, artesáns..., para "dar visibilidade a un sector emerxente pouco coñecido" e "crear unha relación directa entre cliente-creador, propiciando a interacción entre ámbolos dous introducindo espazos adicados ós comentarios sobre actividades e profesionais". Tamén se busca "achegar os profesionais da creación, favorecendo as interrelacións e as posibles colaboracións entre campos dispares". Este directorio non ten custe ningún para creadores ou usuarios.

O directorio busca recoller nun só lugar toda a información que se atopa espallada pola rede, para facer máis doada a súa localización. Outro dos obxectivos é "provocar un cambio de actitude no cliente", reivindicando "que sí que hai oferta formativa en Galicia", e "sí que se fan bos proxectos en Galicia". En Creatorio só aparecerán persoas que residan actualmente en Galicia e promocionaranse todo tipo de eventos culturais que se fagan en Galicia. Tamén se incitará aos creadores a que se unan ás distintas asociacións galegas (DAG, AGPI e Creatividade Galega).

A creadora deste espazo é Lúa Louro (Ézaro, 1990), graduada en Belas Artes cun Máster en Dirección de Arte Publicitaria. "Consciente das necesidades dun sector que loita por sobrevivir a pesares de ser pouco coñecido", decidiu "volcar todos os seus coñecementos na creación dunha plataforma de visibilidade para os compañeiros de profesión".

Captura de pantalla da web © ocreatorio.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.