O vindeiro mércores 29 de febreiro será o día do lanzamento de www.dioivo.eu, un novo medio dixital en galego creado por un grupo de xornalistas que decidiron tomar a iniciativa e crear un novo espazo de información. O proxecto naceu a raíz do peche de diversos medios e reúne un variado grupo de profesionais que, dende o pasado mes de outubro, traballou na concepción da nova cabeceira.
"Trátase dunha unión temporal de xornalistas para crear con voluntarismo unha revista dixital"
A súa filosofía resúmese no lema "contar e contrariar", polo que Dioivo pretende dar unha visión informativa propia e diferente da realidade do país. Para iso, os nove promotores de Dioivo crearon unha asociación cultural para sustentar o proxecto que ten como meta afondar en diversos aspectos da realidade. "Trátase dunha unión temporal de xornalistas para crear con voluntarismo e esforzo propio un espazo, unha revista dixital, que dea un punto de vista diferente da realidade que vivimos", explica Marga Tojo, presidenta da Asociación Cultural Dioivo.
Con ese espírito de voluntarismo e con mínimos recursos, os promotores de Dioivo deseñaron unha páxina “sinxela e humilde” a través de licenzas de creative commons. e grazas ao compromiso dun número cada vez maior de socios (no propio web explícase como asociarse). O web foi desenvolvido polos propios xornalistas, que contaron coa axuda de Pancho Lapeña. Ademais, os promotores da iniciativa teceron unha ampla rede de colaboradores imprescindíbeis para darlle forma ao Dioivo.
O tratamento busca ir máis alá da actualidade inmediata, furando en asuntos que non están recollidos na axenda diaria dos medios xa existentes
Dese xeito, a páxina web contará cun gran número de sinaturas e cunha amplitude de perspectivas nos diferentes temas que se aborden. O tratamento busca ir máis alá da actualidade inmediata, furando en asuntos que non están recollidos na axenda diaria dos medios xa existentes. "Non buscamos ser un xornal ao uso. Non o somos nin o queremos ser. Non podemos dedicarnos minuto ao minuto a actualidade máis inmediata. Pretendemos outra fórmula na que os xornalistas conten outros temas que non se atopan en ningures. Un tratamento diferente máis próximo ao dunha revista que ao dun xornal", sinala Tojo, quen subliña que o Dioivo é “alleo a parámetros de competitividade tradicional” e aprecia “o xurdimento de medios amigos, cos que existen vínculos e colaboracións”.
Dioivo salienta “o xurdimento de medios amigos, cos que existen vínculos e colaboracións”.
Exemplares en papel
Co lanzamento este mércores da web, o Dioivo rematará unha longa campaña de promoción nas redes sociais. Con diversos vídeos gravados por Xosé Bocixa e protagonizados polo actor Evaristo Calvo, Pepa Yáñez e Marcos Correa; o grupo promotor foi dende o mes de decembro dando a coñecer dun xeito diferente e irónico as claves deste proxecto. Ademais, o nacemento do Dioivo na rede coincidirá co seu bautismo tamén en papel, xa que a Asociación Cultural Dioivo sacará un primeiro número no que explique, con moito retranca e unha estética doutros tempos, como xurdiu o proxecto. Este exemplar de tiraxe limitada contará coa colaboración de ilustradores como Gonzalo Vilas, Suso Sanmartín e Roi Fernández.
Este mercores distribuirase tamén un número en papel, de tiraxe limitada, con ilustracións de Gonzalo Vilas, Suso Sanmartín e Roi Fernández
O citado exemplar será repartido nalgunhas das presentacións en público que faga a asociación. A primeira delas será este mesmo xoves no Restaurante Rúa de Santiago (Rúa de San Pedro, 24), onde terá lugar pola tarde unha palestra sobre os novos medios en galego. Outro dos actos previstos para Dioivo será unha mesa redonda sobre información en galego dentro dos XIV Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega, que terá lugar entre o 8 e o 9 de marzo na Cidade da Cultura.
O Dioivo, ademais de estar aberta á participación xornalística, tamén ofrece a posibilidade de colaborar economicamente a través de subscricións. Como asociación cultural, o Dioivo non ten ánimo de lucro e pretende converterse nun espazo común no que todos poidan colaborar dun xeito ou doutro. Toda a información ao respecto atópase na súa páxina: www.dioivo.eu.