Recomendamosle cambiar el crave de acceso. Baciar espacio de almacenamiento. No te lo piérdaste!. Son frases que, nos últimos días, se poden ler en carteis esparexidos por varias rúas de Santiago. Están mal escritos á mantenta en castelán, pero o seu obxectivo é chamar a atención sobre as "maltratadas Letras Galegas" en vésperas do seu día.
A publicista Carolina Buján e a deseñadora web Eva Antelo están por tras desta acción. Ambas son as reponsables de A Masa, unha nova axencia de comunicación dixital. A empresa está a dar os seus primeiros pasos e comeza por reivindicar "a dignificación do galego na comunicación".
Porque estas frases mal escritas ou sen sentido, explican, non son máis ca "o resultado de traducir literalmente frases reais en galego" que foron recompilando de "correos electrónicos, mensaxes e todo tipo de comunicacións" dixitais de entidades públicas e privadas. "Casos verídicos", subliñan, que elas só transforman en marketing de guerrilla.
"Se non prestamos atención ao idioma non só se degrada o galego", senón tamén "a comunicación e a credibilidade das marcas", destacan dende A Masa, unha nova axencia de comunicación dixital que dá os seus primeiros pasos con 'marketing de guerrilla' a prol dun uso correcto do idioma
Dado que o 17 de maio é "o día para celebrar que temos un idioma propio", sinalan, debe ser tamén a xornada para "reivindicar un uso correcto" do idioma "durante o resto do ano". "Se non prestamos atención ao idioma non só se degrada o galego", senón tamén "a comunicación e a credibilidade das marcas". Os "servizos especializados" que A Masa ofrece, din, teñen este labor como un dos seus obxectivos.
Porque o galego, evidencian, é unha lingua "tan apta para a comunicación de marca como calquera outra" e mesmo "achega valor diferencial positivo". Sempre e cando se escriba con corrección. Buján e Antelo especifican que decidiron centrar a súa acción en traducir ao castelán frases como as devanditas porque "é raro ver erros deste calibre en publicidade e comunicación noutros idiomas", se ben "no caso do galego non é difícil atopalos".
Para chegar a lanzar mensaxes institucionais ou empresariais con erros clamorosos, abondan, cómpre buscar a explicación en "malas traducións automáticas" ou mesmo faltas de ortografía que pasan sen ser corrixidas. "Unha persoa pode cometer fallos no seu día a día, pero ao contar cunha audiencia e certo orzamento, hai unha responsabilidade que cumprir co idioma e co público ao que se dirixe", conclúen.