"Non podemos vivir en perpetuo estado de alarma. Os soños e a beleza son tan necesarios coma a mantenza"

Interior da Basílica de Santa María del Popolo © Porti di Roma

Xabier Paz vén de publicar Aníbal e a pintora (Xerais), novela que pescuda na artista barroca Artemisia Gentileschi na Roma do século XVII. Tras Renacer (Xerais, 2008), o autor coruñés afincado en Vigo dende hai tres décadas continúa unha serie que afonda na gran cultura europea e que completará cun libro que terá a Galileo como protagonista. Artemisia conseguiu abrirse pazo como pintora cun enorme talento, malia as dificultades que se lle presentaban como muller e a pesar de sufrir outros obstáculos engadidos: orfa de nai aos doce anos, foi violada e sufriu un dilatado e infamante proceso público.

Como nace a historia? En que momento comezaches a trazar a novela e as figuras de Artemisia e Aníbal?

Todo comezou cando dei cun cadro en Internet. Era a reprodución dun dos mitos bíblicos máis representados, Susana e os vellos. O cadro, para min descoñecido, era de factura impecábel, algo estuario nas figuras; o corpo de Susana contundente e desprovisto de calquera traza de erotismo, a diferenza da meirande parte das representacións dese tema. Por outra banda, semellaba obra dun mestre tardo-renacentista nas cores brillantes e na perfección das dobras. Procurei o autor e resultou ser autora e para a miña sorpresa, unha moza de dezasete anos nacida en 1593. O cadro datado en 1610 fora pintado por Artemisia Gentileschi. Fun tomado por unha curiosidade insólita que durou non menos dos seis anos nos que fun enchendo o oco da miña ignorancia sobre a pintora, o tempo que tardei en escribir Aníbal e a Pintora. O personaxe de Aníbal xurdiu cando me puxen a escribir, representa a conciencia dunha obsesión, o intento imposíbel de aprehender o pasado, neste caso a vida enteira de Artemisia, de escribir a biografía total de alguén.

"O personaxe de Aníbal xurdiu cando me puxen a escribir, representa a conciencia dunha obsesión, o intento imposíbel de aprehender o pasado, neste caso a vida enteira de Artemisia, de escribir a biografía total de alguén"

Foi complexo o proceso de documentación para a novela?

Non sabería dicir se foi complexo. Para min foi algo case inevitábel, necesario. Coma rañar un proído. Necesitaba coñecela e tentei facelo, lin canto chegou o meu coñecemento. Había catro novelas escritas por mulleres e unha serie de ensaios no ámbito anglosaxón, ademais dun catálogo dunha exposición do pai e de ela e, por suposto, as actas do proceso que padeceu cando o pai denunciou a violación que ela sufrira, das que agora xa hai tradución española. En 2012 inaugurouse unha exposición monográfica sobre Artemisia en Milán co correspondente catálogo que é magnifico e coincidiu coa edición dun feixe de cartas de amor dela descubertas había pouco.

Como era esa Italia, esa Roma do século XVII?

Italia era o escenario privilexiado da pugna política e militar entre o papado e os príncipes cristiáns pola hexemonía europea. Nese momento Roma non é tan grande coma Nápoles, pero concentra toda a diplomacia europea, e todas as ordes relixiosas teñen nela o seu centro. É a capital da Contrareforma cos xesuítas coma forza ascendente dentro da Igrexa Católica, ademais Roma é o gran taller da Cristiandade, domina o poder ideolóxico e económico do Vaticano, a curia, os cardeais moven a economía da cidade e proporcionan traballo a centos de artistas. No século XVII Roma érguese coma capital da Cristiandade, vale dicir do mundo occidental. No plano social abundan os mendigos, os soldados desocupados e faltan mulleres. Sen permiso especial non se poden portar armas, pero as noites romanas son un matadoiro continuo e, cometido un delito, hai ducias de santuarios: igrexas, conventos, embaixadas, onde refuxiarse da xustiza.

"Como elixir un lugar sobre calquera outro de Roma? Se hai unha cidade inabarcábel e interminábel é Roma. Por resultar imposíbel estar no Panteón sen o barullo da xente, podo dicir a Igrexa de Santa María del Popolo chea de marabillas"

Tes algún recuncho predilecto en Roma, un lugar que sempre recomendarías visitar?

Como elixir un lugar sobre calquera outro de Roma? Se hai unha cidade inabarcábel e interminábel é Roma. Por resultar imposíbel estar no Panteón sen o barullo da xente, podo dicir a Igrexa de Santa María del Popolo chea de marabillas e, dentro dela, a capela Cerasi con dúas obras mestras do Caravaggio e unha de Annibali Carraci.

Sempre me chama a atención ao contemplar a riqueza artística dalgunhas épocas (por exemplo o Barroco nesa Italia) o contraste que parece existir entre a beleza desas obras (pictóricas, arquitectónicas, escultóricas...) -convertidas en tesouros eternos- e unha realidade social (de guerras a pestes, pasando por fames) que ás veces tamén sufrían os autores e autoras. Non sei se a ti tamén che sucede algo semellante.

Parece conxénita a desigualdade nas sociedades humanas construídas sobre o sufrimento da maioría, en cada época co seu xeito de explotación, pero sempre, polo menos desde que existe a propiedade privada, sobre dominio e a explotación exercidos por unha exigua minoría. Como tamén semella permanente a rebelión da xente esmagada. Hoxe en día unha boa parte da Humanidade non pode manterse, uns oitocentos millóns de persoas pasan fame e cada quen deberiamos traballar para mellorar o mundo, un anaco do mundo e cada quen coma considere, pois na vida debe haber un momento para cada cousa, como di o Eclesiastés: “Hai un tempo para todo”. Non podemos vivir en perpetuo estado de alarma todas as horas da nosa vida. Os soños e a beleza son tan necesarios para vivir coma a mantenza. Os artistas son seres humanos que gozan e padecen coma o resto só que a eles, para lle dar un sentido a súa vida, cómprelles consagrar parte dos seus días á actividade creadora, sempre no medio do sufrimento humano.

"Non podemos vivir en perpetuo estado de alarma todas as horas da nosa vida. Os soños e a beleza son tan necesarios para vivir coma a mantenza"

Céntraste na figura dunha pintora. Ao fío da investigación que realizaches para esta novela, como eran as condicións das mulleres artistas nese tempo, as súas posibilidades de desenvolverse e de ver recoñecido o seu traballo?

Até onte, coma quen di, as mulleres non eran consideradas persoas libre e autónomas, senón seres inferiores, sen dereitos e menores de idade toda a vida, tuteladas por un home, fose pai, irmán ou esposo. Por mulleres, as artistas estaban totalmente relegadas, unha realidade que só mellorou ben entrado o século XX. Mesmo as que tiñan certo éxito dependían do pai ou, xa casadas, do esposo. Poucas tiñan capacidade para asinar contratos e facer pagos, unicamente as que eran admitidas nas Academias, nas organizacións gremiais de pintores. Ademais, a Igrexa consideraba indecoroso que as obras das mulleres entrasen nos templos. As mans das mulleres, xa se sabe, son instrumento de pecado, foi a man de Eva quen ofreceu a mazá pezoñenta a Adán. Artemisia conseguiu ser membro de dúas Academias, a de Florencia e a da Roma, e mesmo pintou dous grandes lenzos para a basílica de Pozzuoli, perto de Nápoles. Con todo, por ser muller pintora non recibiu unha consideración semellante á dos pintores e debeu loitar por obter ese recoñecemento e reclamou un pago semellante ao deles até o final de súa vida. Nas súas cartas podemos ler as súas protestas.

"Por mulleres, as artistas estaban totalmente relegadas, unha realidade que só mellorou ben entrado o século XX. Mesmo as que tiñan certo éxito dependían do pai ou, xa casadas, do esposo"

A novela ten, en certa forma, varias novelas no seu interior. Ademais, o percorrido que realiza o lector crúzase co que levan a cabo os personaxes na procura das pegadas de Artemisia Gentileschi. Enriquece todo isto a experiencia lectora?

Cada experiencia lectora é única e intransferíbel, cada quen poderá falar do que supuxo a súa lectura. En Aníbal e a Pintora hai varios planos, varias voces. Está a obsesión de Aníbal pola pintora, os seus escritos e as conversas co amigo lembradas por este que conta lembranzas, transcribe cartas e documentos de Artemisia e quere rematar e mesmo rescribir, a historia de Aníbal coa pintora; está a voz dela en primeira persoa e tamén a presenza discreta dun narrador en terceira persoa, unha voz que está fóra e coa súa visión domina todo e a todos. Hai ao cabo, un plano actual, contemporáneo que se relaciona coa biografía de Artemisia e o mundo barroco. Que efectos poda ter este artefacto en cada persoa lectora non o sei.

A novela histórica engancha, ten lectores fieis e achega elementos que sempre enriquecen os relatos. Mais, ao teu xuízo, que vantaxes e que riscos ten o xénero histórico para os autores?

Supoño que de cando en vez a todos nos gusta visitar escenarios máis ou menos exóticos e, de camiño, deprender cousas coa lectura.  Non sabería falar en xeral de vantaxes e riscos para os autores. O certo que novela histórica é un concepto onde caben cousas tan diferentes coma As Memorias de Adriano de Marguerite Yourcenar; El recurso del método de Alejo Carpentier; ou a mais filosófica e densa A Morte de Virxilio de March Broch ou La catedral del mar de Ildefonso Falcones e unha morea de supervendas. Para min a peripecia histórica é unha pauta, un molde onde verter preocupacións atemporais, digamos universais. Neste caso a violencia sobre a muller, idea reforzada co capítulo dedicado a Beatrice Cenci; a impotencia da arte para aprehender totalmente a realidade; a fantasma de incesto; o papel do traballo e da actividade profesional e artística na emancipación persoal…

"Alén da linguaxe, valoro o equilibrio entre o de dentro e o de fóra, é dicir entre os sentimentos e paixóns e a realidade social e histórica ou sexa entre a definición dos personaxes e a descrición da época"

Para min o importante en toda novela é o tratamento literario. Alén da linguaxe, do manexo do idioma, cousa da que non se adoita falar moito, valoro o equilibrio entre o de dentro e o de fóra, é dicir entre os sentimentos e paixóns e a realidade social e histórica ou sexa entre a definición dos personaxes e a descrición da época. Nas narracións históricas existe o perigo de deixarse seducir pola época e  perder alento narrativo por caer no ensaístico. Ou, por mencionar outro risco, talvez un dos máis presentes, o anacronismo, esquecer a mentalidade do momento con todas as súas facetas e adxudicarlle aos personaxes valores quer morais quer sociais impropios da época.

O xénero histórico deu nos últimos anos obras interesantes na literatura galega. Estás de acordo? Tes algunha novela predilecta entres elas?

Non sempre atopo ese equilibrio do que falo e boto en falta un tratamento máis fondo da época. Entre as recentes lembro con agrado a lectura de O encargo do señor Castelao, de Luis Rey Núñez e O Espello do mundo de Ramón Nicolás, que me soubo a pouco.

"Aínda que queiramos cultivar a fábula de que sempre somos os mesmos, aínda que nos empeñemos en cultivar unha identidade case estática, non é certo: nin as nosas células son as mesmas nin vemos o mundo da mesma maneira"

Comentabas que as historias che roldan na cabeza durante bastante tempo antes de escribilas. Pero que sucede unha vez que publicas o libro? As historias e os personaxes seguen evolucionando, seguen influíndote?

Formalmente, a publicación do libro pecha a historia. Cando tes diante o obxecto-libro, hai un salto, e a partir de aí hai un artefacto que existe por si. O que pasa é que na cabeza quédache a idea dos personaxes, da época, como un escenario no que vas construír, mesmo inconscientemente, o que vén detrás. Por iso uns libros inflúen nos seguintes, como un marco no que despois emerxen novos estímulos. Este impacto que unhas obras teñen noutras é o mesmo que lle sucede a unha persoa cando adquire un novo coñecemento: un cambia, un transfórmase un pouco a medida que vai aprendendo cousas. Aínda que queiramos cultivar a fábula de que sempre somos os mesmos, aínda que nos empeñemos en cultivar unha identidade case estática, non é certo: nin as nosas células son as mesmas nin vemos o mundo da mesma maneira.

"Carezo da virtude da concentración duradeira e adoito ando con varios enredos en paralelo, utilízoos para refrescar a mente en momentos de atoamento ou fartura"

Estás xa con algún novo proxecto? Que será o próximo que poderemos ler de ti?

Carezo da virtude da concentración duradeira e adoito ando con varios enredos en paralelo, utilízoos para refrescar a mente en momentos de atoamento ou fartura. Ademais, coma no meu caso as lecturas para documentarme non teñen unha orde estrita, o proceso resulta un enguedello, inda que para min sexa entretido iso de non saber cal é, polo menos durante un tempo, o proxecto principal. Neste caso o que ía ser A pintora, o sabio e o santo inquisidor polas presenzas de Galileo e San Belarmino, quedou acoutado como Aníbal e a Pintora. Agora mesmo teño rematada una sorte de biografía de Galileo con aumentada presenza das mulleres da súa vida. Con este libro dou por rematada a triloxía itálica que comezara con Renacer.

Hai tempo que andan a perseguirme os vultos de Xelmírez a raíña Urraca ben que non se deixen apreixar entre tantas deslealdades e traizóns mutuas. E para que non se diga que teño aversión a falar do que teño entre mans, non sei se darei cabo ás aventuras do insigne pontevedrés e desventurado cosmógrafo, navegante, descubridor, soldado, escritor e astrónomo do S. XVI, Pedro Sarmiento de Gamboa. Xa veremos se outros temas máis actuais que se andan a manifestar testáns sen permiso, non empecen ou adían o remate dese proxecto.

 

Xabier Paz CC-BY-SA Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB)
Capa do libro © Xerais
Susana e os vellos, obra de Artemisia Gentileschi Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.