Nove entidades de defensa do patrimonio cultural afianzan a súa coordinación

Petróglifo do Pedroso CC-BY-SA Leon F. Cabeiro

Nove entidades galegas de defensa do patrimonio cultural veñen de facer pública unha declaración na que se comprometen a afianzar o seu traballo conxunto e a súa coordinación, para mellorar a súa actividade de protección dos bens patrimoniais. Mariña Patrimonio, Apatrigal, Cultura do País, Gentalha do Pichel, ADEGA, Sociedade Antropolóxica Galega, Colectivo A Rula, Patrimonio Galego ou Historia de Galicia lanzan este manifesto, ao que convidan a outros colectivos a adherirse.

"Aínda que os danos ao patrimonio sempre son locais, tanto a lexislación como as políticas de patrimonio cultural ou as grandes problemáticas transcenden ese ámbito e condicionan, xa que logo, a capacidade de actuación de moitas entidades locais"

As nove entidades destacan que "en Galicia existen numerosos movementos culturais cidadáns que exercen unha constante actividade, de base local ou comarcal de defensa do devandito patrimonio, tamén da súa dinamización, cunha grande eficacia no control e vixilancia da contorna inmediata", pero que "os resultados, moi loados nas súas áreas de acción, non sempre transcenden nin son abondo visibles a nivel galego". Subliñan neste senso que "aínda que os danos ao patrimonio sempre son locais (a un ben concreto nun momento concreto)", tanto a lexislación como as políticas de patrimonio cultural ou as grandes problemáticas (sector forestal, grandes infraestruturas públicas, marco xurídico) "transcenden ese ámbito e condicionan, xa que logo, a capacidade de actuación de moitas entidades locais". "É preciso dotalas dun instrumento que lles permita operar naqueles ámbitos administrativos (comunidade autónoma, Estado, Unión Europea) que son de difícil acceso para unha pequena entidade e na que esta pode exercer un papel pouco representativo", salientan.

Denuncian que na actualidade "os escasos orzamentos que destinan as Administracións ao patrimonio cultural, as profundas transformacións da sociedade e das economías rurais e os cambios lexislativos promovidos recentemente  pola Administración galega están a afectar de xeito crítico ao noso patrimonio cultural". "É o momento de dar un paso que permita enfrontar estes novos desafíos, sempre desde o respecto á idiosincrasia das entidades locais e comarcais do país", engaden.

"Os escasos orzamentos que destinan as Administracións ao patrimonio cultural, as profundas transformacións da sociedade e das economías rurais e os cambios lexislativos promovidos recentemente están a afectar de xeito crítico ao noso patrimonio"

Por iso propoñen esta unidade de acción, unha "ferramenta conxunta de coordinación das asociacións locais/comarcais e outras de ámbito galego" para "dirixirse ás autoridades, organismos ou entidades pertinentes en prol da salvagarda do noso patrimonio cultural". As nove entidades crearán un sistema de comunicación horizontal ao que se poidan incorporar outras organizacións, comprometéndose "a encetar o camiño cara á creación dunha estrutura de coordinación de entidades do patrimonio". O obxectivo é levar a cabo "o traballo conxunto e a elaboración de iniciativas decididas pola rede que teñan un claro fin de defensa e/ou posta en valor do patrimonio cultural e que pola súa natureza ou dimensión precisen dunha escala superior á de cada unha das entidades". 

Petróglifo do Pedroso CC-BY-SA Leon F. Cabeiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.