A RAG recoñece o traballo da escola bergantiñá co premio de nova creación Na lingua que eu falo, que destaca o labor a prol da normalización lingüística entre a poboación infantil
O CEIP Milladoiro, de Malpica de Bergantiños, é un de tantos colexios galegos que destaca polo bo facer no tratos ao seu alumnado e na variedade e calidade das actividades que realizan con eles, moitas delas ao redor do uso da lingua. Este traballo continuado e moitas veces silandeiro vén de ser recoñecido pola Real Academia Galega no premio de nova creación Na lingua que eu falo, un galardón que nace co obxectivo de recoñecer persoas, proxectos, iniciativas ou experiencias que, ben no ámbito escolar ben noutros espazos, destaquen polo seu traballo a prol da normalización lingüística entre a poboación infantil.
A RAG entrega este premio, que crea ao abeiro de Primavera das Letras, cadrando coa celebración, este venres 26 de setembro, do Día Europeo das Linguas. Búscase recoñecer e fomentar a posta en marcha de medidas dirixidas á infancia e á mocidade galegofalante "para que o sistema educativo non promova o abandono do idioma propio e este siga a ser a súa lingua de uso habitual en todos os contextos" e medidas "que teñan en conta tamén a quen ten como lingua inicial o castelán, ou outro idioma do seu país de orixe, para que faga igualmente seu o galego".

É “un galardón, en primeiro lugar, ao bo facer do profesorado” e tamén "ao conxunto da súa comunidade educativa, rapaces e rapazas, nais, pais, avós e avoas e persoal dos servizos complementarios da escola”, di a Academia
A concesión do I Premio Na lingua que eu falo ao CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños é, nesta liña, “un galardón, en primeiro lugar, ao bo facer do profesorado”, salientou o presidente da Academia, Henrique Monteagudo, no anuncio remitido ao centro. “E tamén é un premio ao conxunto da súa comunidade educativa, rapaces e rapazas, nais, pais, avós e avoas e persoal dos servizos complementarios da escola”, prosegue.
A Academia destaca que o profesorado do CEIP Milladoiro "traballa para deseñar un ambiente de aprendizaxe que convide a soñar, a ilusionarse, a que os alumnos e alumnas confíen en si mesmos e desenvolvan un pensamento crítico, empático e creativo".
“A nosa idea foi sempre que os pequenos e pequenas aprendan a valorar o noso rico patrimonio inmaterial e material, creando conciencia da necesidade da súa protección e conservación, que estean orgullosos e orgullosas do noso, hoxe e sempre”
“A nosa idea foi sempre que os pequenos e pequenas aprendan a valorar o noso rico patrimonio inmaterial e material, creando conciencia da necesidade da súa protección e conservación, que estean orgullosos e orgullosas do noso, hoxe e sempre”, destaca Fátima Romero Olveira, responsable do equipo de biblioteca escolar-dinamización da lingua (BE-DL) do colexio malpicán, do que tamén forma parte Sandra Cao Álvarez, que ocupou a xefatura de estudos durante catro cursos e foi directora cinco máis, ata o pasado mes de xullo.
A nova directora, Ana Seoane Cives, reivindica o legado que herda con ilusión e co compromiso de seguir a traballar para que o CEIP Milladoiro continúe sendo un referente en materia de normalización lingüística coa colaboración de toda a comunidade educativa. “No noso centro o galego é patrimonio común: usándoo e respectándoo, fortalecemos a nosa identidade e a nosa cultura”, di.
Fina Casalderrey valora especialmente as actividades que o CEIP Milladoiro desenvolve desde hai anos coa competencia oral en galego na cerna, como a radio escolar Radio Balea, o Galicomic, o Dicionario Mariñeiro ou o DichoLeo
Fina Casalderrey valora especialmente as actividades que o CEIP Milladoiro desenvolve desde hai anos coa competencia oral en galego na cerna. É o caso, entre outras, daquelas enmarcadas na programación da radio escolar, Radio Balea; o DichoLeo, un proxecto centrado na alfabetización audiovisual na que o alumnado grava pequenas pezas coas que traballa nas interferencias lingüísticas e amplían e melloran o vocabulario galego; o Galicómic, unha proposta na que cada aula crea a súa propia banda deseñada; ou libros de produción propia como o Dicionario mariñeiro ou o Dicionario malpicán, nos que tamén se lle dá o protagonismo á rapazada da man das súas familias.
Casalderrey destaca así mesmo outras propostas como E ti, de quen vés sendo?, na que todo o alumnado participou na confección dun xogo de mesa con preguntas arredor de Malpica de Bergantiños, no marco do proxecto documental integrado Patrimonio In-Material!
“Con este premio queremos proxectar a lingua cara ao futuro, reforzando os seus piares entre a xente miúda e recoñecendo, nesta primeira edición, o exemplo intelixente do CEIP Milladoiro, onde o galego se aprende, se usa e se ama, sen prexuízos nin complexos”
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, apunta igualmente este colexio "actúa ademais nesta ocasión como representante dunha comarca, a de Bergantiños, que serve a toda a sociedade galega de espello no que se mirar. Terra orgullosa da nosa fala onde atopamos os mellores datos de transmisión interxeracional do idioma"
“Con este premio queremos proxectar a lingua cara ao futuro, reforzando os seus piares entre a xente miúda e recoñecendo, nesta primeira edición, o exemplo intelixente do CEIP Milladoiro, onde o galego se aprende, se usa e se ama, sen prexuízos nin complexos”, conclúe a académica de número Fina Casalderrey, responsable do proxecto Primavera das Letras que lle dá acubillo. “Os nenos e nenas de Malpica demostran en todo o que fan que o galego é útil, unha ferramenta creativa para hoxe e para o futuro”, engade.