A cuarta edición dos galardóns do proxecto da CRTVG entregou este martes os seus premios, recoñecendo o CEIP Sagrada Familia da Coruña e o CPI Plurilingüe O Cruce de Cerceda, ademais de a centros de O Grove, Ferrol, Fonsagrada e Ponteceso
DígochoEu, o proxecto da CRTVG a prol da lingua galega, entregou este martes na Cidade da Cultura a cuarta edición dos seus premios escolares. Un certame de vídeos en galego que se converteu nunha gran festa da lingua na que asistiron uns 500 nenos e nenas dos centros educativos gañadores.
Na categoría de Educación Primaria, o premio de Ouro foi para o CEIP Sagrada Familia da Coruña, co vídeo Climatoloxía; o de Prata para o CEIP As Bizocas do Grove, que presentou o vídeo Mariscos e peixes, e o de Bronce para o CEIP San Xoán de Filgueira (Ferrol) por Expresións ferrolás.
En Educación Secundaria resultaron gañadoras as propostas do CPI Plurilingüe O Cruce de Cerceda, coa peza Goza coa túa lingua, que levou o premio de Ouro; do IES Fontem Albei (A Fonsagrada), polo vídeo Foliada, que gañou o premio de Prata, e do IES Eduardo Pondal de Ponteceso, coa peza Expresións da Costa da Morte, gañadora do premio de Bronce.
O CEIP Sagrada Familia, da Coruña, desenvolve o proxecto Vitamina G, un ambicioso proxecto de dinamización e promoción da lingua galega entre iguais que está a se converter nun revulsivo para o idioma na cidade
O evento, conducido pola xornalista e presentadora Esther Estévez e polo reporteiro da TVG Óscar Cruz, conta coa actuación do grupo compostelano Ulex. A Televisión de Galicia emitirá a gala na súa programación especial o Día das Letras Galegas, o sábado 17 de maio (ás 12 horas) e tamén quedará dispoñible na plataforma dixital AGalega.gal.
O xurado desta convocatoria 2024/2025 estivo formado por María Manuela Leis Cambeiro, asesora docente da secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e por Carla Núñez e Marcos López, creadores de contido dixital baixo a marca Todo mal, que elixiron os gañadores pola calidade lingüística e expresividade dos vídeos, a súa orixinalidade e a innovación do contido
O proxecto Vitamina G, dende o barrio coruñés da Sagrada Familia
O proxecto, unha iniciativa da mestra Mariña Lema, baséase na realización por parte do alumnado de 5ºC de Primaria dunha serie de pílulas audiovisuais para mellorar galego
Cómpre salientar o traballo que realiza un dos colexios gañadores, o CEIP Sagrada Familia, da Coruña. Este centro educativo desenvolve o proxecto Vitamina G, un ambicioso proxecto de dinamización e promoción da lingua galega entre iguais que está a se converter nun revulsivo para o idioma no entorno urbano.
O proxecto baséase na realización dunha serie de pílulas audiovisuais para mellorar galego, vídeos curtos nos que o alumnado de 5º de Primaria explican dunha forma lúdica e didáctica conceptos e termos relacionados con contidos como o medio ambiente, tradicións galegas, reciclaxe ou gastronomía.
Unha das singularidades do proxecto é o lugar no que se realiza: nunha cidade como A Coruña e nun barrio como a Sagrada Familia, que se distingue por ser o barrio galego con máis poboación nacida no estranxeiro
Trátase dunha iniciativa da mestra Mariña Lema que nos últimos meses foi xa recoñecido con outro importante galardón, o Premio Mil Primaveras impulsado pola Coordinadora de Traballadoras de Normalización Lingüística (CTNL).
Os vídeos foron creados polo vinte rapaces e rapazas de 5ºC do centro, nunha idea que xurdiu da constatación "dun fenómeno preocupante no noso entorno: como vivimos na cidade e como moitos de nós nacemos fóra de Galicia, ninguén nos fala galego". "Ante isto, vímonos na necesidade de sintetizar a lingua en cómodos comprimidos de toma mensual. Dado o éxito demostrado pola Vitamina G nos experimentos de laboratorio, decidimos difundila a través das redes sociais, para que poida chegar a outros nenos e nenas na mesma situación ca nós", explican
"Nun centro orgullosamente plural e con alumnado procedente de diversos países de varios continentes, a mestra Mariña Lema conseguiu facer da lingua galega un modelo de aprendizaxe para nenos, nenas e familias dende a promoción audiovisual e en redes", destaca o colexio
Unha das singularidades do proxecto é o lugar no que se realiza, é dicir, nunha cidade como A Coruña, no que a porcentaxe de falantes de galego é reducida, como en toda a Galicia urbana, e nun barrio como a Sagrada Familia, que se distingue por ser o barrio galego con máis poboación nacida no estranxeiro. Así pois, nenos e nenas cuxas familias proceden de América Latina, de África, de Asia ou doutros países de Europa, toman a iniciativa para falaren en galego e mellorar o seu uso da lingia
"Nun centro orgullosamente plural e con alumnado procedente de diversos países de varios continentes, a mestra Mariña Lema conseguiu facer da lingua galega un modelo de aprendizaxe para nenos, nenas e familias dende a promoción audiovisual e en redes", destaca o colexio, nunha iniciativa que se engade a outro proxecto de éxito a prol da lingua galega desenvolvido na mesma cidade: o Aquí tamén se fala impulsado dende o IES Rafael Dieste.