A nova Cátedra estará centrada na figura, o pensamento e a obra de Carvalho Calero e entre as súas funcións estará a promoción e o estudo da literatura galega contemporánea
A Universidade de Santiago botou a andar este martes a súa nova Cátedra Institucional Carvalho Calero. Fíxo nun acto celebrado no Paraninfo da USC no que interviron o reitor Antonio López, o secretario xeral da Lingua Valentín García e o director da Cátedra, o profesor de Literaturas Lusófonas Carlos Quiroga. Así mesmo estiveron presentes representantes do tecido asociativo cultural de Galicia e da lusofonía, e membros da familia do homenaxeado, como a súa filla María Victoria.
“Un acto de xustiza e recoñecemento para con quen ten moito que ver co que é hoxe a Universidade de Santiago de Compostela”, así definiu Antonio López a creación dunha cátedra centrada na figura, o pensamento e a obra do primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC. Entre as súas función estará a promoción e o estudo da literatura galega contemporánea, apoiando a nova creación e estando atenta á análise das ideas sobre a Literatura e Cultura actuais, co desenvolvemento de modelos de innovación en educación, investigación e divulgación científica e cultural.

Antonio López lembrou que Carvalho Calero foi o primeiro estudante en intervir na cerimonia de inauguración do curso universitario en 1930, na que reivindicou “a galeguización da Universidade compostelá”
O reitor da USC destacou na súa intevención o acto de inauguración de curso do ano 1930, o primeiro no que se permitía incluír no evento solemne a intervención dunha representación do estudantado. Foi precisamente Carvalho Calero, naquel tempo estudante de Dereito, o elixido polo estudantado para pronunciar o discurso no que, “de maneira concisa pero moi clara, reivindicaba a galeguización da Universidade compostelá, o que pasaba por introducir a lingua galega nas aulas e facela cooficial na institución”.
Así mesmo Antonio López destacou que foi tamén Carvalho Calero "quen abriu a porta a unha vella demanda universitaria: crear na USC unha cátedra de lingüística e literatura galegas, algo que non veriamos ata o ano 1972 e que ocupou el mesmo”. Estes dous fitos “dan conta do seu compromiso por Galicia e pola súa lingua e cultura e por iso hoxe é un día para celebrar”, subliñou o reitor.
López tamén destacou que foi tamén Carvalho Calero "quen abriu a porta a unha vella demanda universitaria: crear na USC unha cátedra de lingüística e literatura galegas"
Pola súa banda Carlos Quiroga, director da nova Cátedra, destacou que a nova institución "vai tentar pór lucidez na figura de don Ricardo, un persoeiro inxustamente tratado, que foi molesto para boa parte do galeguismo”. Quiroga engadiu que malia que o eixo central da cátedra é a investigación e divulgación da súa obra, coa análise en profundidade da biblioteca e arquivo emprazada no Parlamento galego, “porá tamén énfase nos seus valores e achegarase ao tecido asociativo cultural e educativo, co que buscará relacións estables”.
O profesor José-Martinho Montero Santalha, biógrafo de Carvalho Calero e primeiro presidente da Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP), foi o encargado de facer no acto un breve percorrido pola súa vida e obra, da que destacou a preocupación que tiña Don Ricardo polo momento que atravesaba a lingua e cultura galegas e “como insistía en que a solución pasaba pola plena integración na lusofonía”.

Carlos Quiroga, director da nova Cátedra, destacou que a nova institución "vai tentar pór lucidez na figura de don Ricardo, un persoeiro inxustamente tratado, que foi molesto para boa parte do galeguismo”
Prémio CarValho
Coa intención de distinguir anualmente obras individuais ou colectivas, e mesmo persoas ou entidades e empresas, que contribúan ao coñecemento da produción intelectual, pensamento, valores e personalidade de Carvalho Calero así como promover ou reforzar as relacións de Galicia cos países de lingua portuguesa, a Cátedra lanza o Prémio CarValho, informou o seu director.
Os galardóns contan con catro modalidades: TFG ou TFM, tese de doutoramento ou volume publicado, libro inédito e mención de honra. No caso das dúas primeiras, de investigación, os traballos deben ser elaborados en Universidades públicas, preferentemente galegas aínda que tamén serán admitidas propostas de universidades lusófonas. Os prazos xa están abertos e rematan a finais deste mes de outubro.