Hai unhas semanas o Tribunal Supremo botou abaixo o Plan Especial de Protección e Rehabilitación (Pepri) do barrio de Ferrol Vello. A sentenza estimou o recurso de casación interposto por dous particulares, declarando a nulidade do Plan Especial que buscaba avanzar no proceso de recuperación do degradado barrio portuario. O ditame incidiu especialmente en que o proxecto non fora sometido a valoración sobre avaliación estratéxica ambiental.
O Supremo anulou por un defecto técnico o plan especial de Ferrol Vello que buscaba avanzar na recuperación urbanística do degradado barrio
Dende o Concello de Ferrol indícase que o proxecto si incluía un documento emitido pola Xunta indicando que a declaración de impacto ambiental non era necesaria, pero este incluía un error de nomenclatura que o invalida. Anteriormente o TSXG xa se pronunciara sobre o recurso presentado, estimando tamén o recurso, pero deixando a porta aberta a subsanar o erro coa presentación dun novo documento. Porén, a sentenza do Supremo rexeita esta posibilidade, o que obriga a reiniciar todo o proceso de redacción e aprobación do plan, o que pode adiar de forma importante a súa posta en marcha.
O Goberno municipal descartou realizar unha modificación puntual do Plan Xeral para a casa de Carvalho Calero, sinalando que isto non serviría para acurtar os prazos e acometer antes a obra de rehabilitación
Como consecuencia disto, algunhas das actuacións urbanísticas previstas no barrio de Ferrol Vello para o actual mandato municipal deberán agardar cando menos ao ano 2023 ou 2024. Isto inclúe, entre outras, o proxecto de rehabilitación da casa natal de Ricardo Carvalho Calero. En abril do pasado ano o Goberno local de Ferrol presentou o anteproxecto para a recuperación de cinco inmobles situados entre a rúa de San Francisco e a praza Vella, entre o que se atopa a vivenda na que naceu o intelectual o 3 de outubro do ano 1910. O obxectivo era que os cinco edificios se convertesen nun complexo cultural e de servizos e que as obras estivesen rematadas no ano 2023.
Porén, a anulación do Plan Especial obriga a adiar o proxecto, que non poderá comezar no actual mandato municipal. O Goberno local está a traballar xa na aprobación dun novo plan, pero os trámites alongaranse durante varios meses. De igual xeito, o Executivo de Ángel Mato descartou realizar unha modificación puntual do Plan Xeral para a casa de Carvalho Calero, sinalando que isto non serviría para acurtar os prazos e poder acometer antes a obra de rehabilitación.
O BNG propuxo declarar a casa como Zona de Especial Necesidade de Rehabilitación, unha medida que segundo a formación permitiría desenvolver este proxecto á marxe da anulación do Pepri
Mentres, o BNG propuxo declarar a casa de Carvalho Calero como Zona de Especial Necesidade de Rehabilitación (ZER), unha medida recollida na Lei que regula as areas Rexurbe, sinalando que isto permitiría desenvolver este proxecto á marxe da anulación do Pepri de Ferrol Vello. Estas zonas vincúlanse a edificios ou conxuntos de edificios específicos para desenvolver intervencións de carácter urxente debido ao seu avanzado estado de deterioro. Segundo o BNG o goberno local simplemente debe achegar as parcelas e a solución técnica xunto a unha valoración económica.
O BNG e outras entidades convocan unha concentración este domingo para esixir que se actúe xa no inmoble
O Bloque, xunto coa Asociación Veciñal de Ferrol Vello, a Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, a Sociedade Cultural Medulio, o Ateneo Ferrolán e a Fundaçom Artábria convocan un concentración este domingo 27 ás 12 horas na praza Vella para esixir ao Goberno local que "non paralice" o proxecto de rehabilitación da casa natal de Carvalho Calero. As entidades convocantes piden a declaración inmediata do inmoble e das parcelas que forman parte deste proxecto de rehabilitación como Zona ZER.
O 44% das 1.020 vivendas de Ferrol Vello están baleiras, moitas delas en mal estado e algunhas xa derrubadas
A sentenza do Tribunal Supremo non afecta ás licenzas xa concedidas e ás obras en marcha, pero si a todas as que se presenten a partir de agora, que deberán adaptarse á normativa anterior, o PXOM. As principais diferenzas afectan á posibilidade de unificar ata un máximo de tres parcelas, que permitía o Pepri. Os estudos que acompañaron a tramitación do Pepri documentaron a existencia de 1.020 vivendas no barrio de Ferrol Vello e alertaban de que un 44% estaban baleiras, moitas delas en mal estado e algunhas xa derrubadas.