A casa natal de Ricardo Carvalho Calero, situada no barrio de Ferrol Vello, preto do peirao de Curuxeiras, leva anos en estado de abandono, nun proceso de degradación que levou no ano 2014 á derruba de parte da súa estrutura. Son moitas as voces que dende hai tempo veñen reclamando a rehabilitación do inmoble do número 51 da rúa San Francisco.
O Goberno local prevé concluír a actuación no ano 2023
Este venres o Concello de Ferrol presentou o anteproxecto para a recuperación de cinco inmobles que compoñen o situado entre a rúa de San Francisco e a praza Vella, entre o que se atopa a vivenda na que naceu o intelectual o 3 de outubro do ano 1910. O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou que o obxectivo é que os cinco edificios se convertan nun complexo cultural e de servizos.
Entre as posibilidades que hai enriba da mesa figuran unha zona de usos múltiples, un espazo de co-working e a Casa Museo de Carvalho Calero. O Goberno local, que prevé concluír a actuación no ano 2023, sinala que "aínda non está pechada a definición exacta de todos os usos" e, por exemplo, non se descarta o traslado dalgún servizo municipal aos inmobles, para que poida servir de “polo de atracción”.
O obxectivo é que os cinco edificios se convertan nun complexo cultural e de servizos, encabezados pola Casa Museo de Carvalho Calero
Reina destacou que “é necesaria unha aposta clara por evitar que os espazos se vaian degradando”, como lle ocorreu durante os últimos anos a esa área. O ámbito de actuación definido no anteproxecto comprende cinco inmobles de propiedade municipal: os números 45, 47, 49 e 51 da rúa San Francisco e o número 14 da praza Vella. Entre todos suman unha superficie construída de 1.163 metros cadrados.
O ámbito de actuación definido no anteproxecto comprende cinco inmobles de propiedade municipal: os números 45, 47, 49 e 51 da rúa San Francisco e o número 14 da praza Vella
A proposta consiste en recuperar aspectos identificables da vivenda, como fachadas con galerías, cuberta e muros medianeiros, para o que se traballou “en base ao arquivo fotográfico” do que dispón o Concello, explicou Reina. No caso dos muros, están desaparecidos nun 80 %, de modo que será necesario reconstruílos para conservar a estrutura das parcelas dunha forma recoñecible e recuperar a individualidade das edificacións que había. A idea, dixo o concelleiro, é que o proxecto consiga unha diferenciación entre os edificios, de acordo coa normativa, pero que acade tamén certa unidade. Por ese motivo, os redactores destacan que é indispensable a distinción clara entre elementos novos e elementos recuperados, co fin de recoñecer a historia dos edificios.
Apóstase por recuperar aspectos identificables da vivenda, como fachadas con galerías, cuberta e muros medianeiros, para o que se traballou “en base ao arquivo fotográfico”
A estimación do custo da obra sitúase lixeiramente por enriba dos 1,2 millóns de euros máis IVE (case millón e medio en total). Trátase dunha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.