NUMAX: O cinema volve a Santiago

O equipo de NUMAX, este martes na sala de cinema CC-BY-SA Praza Pública

626 días despois, o cinema volve ao centro de Santiago. O 30 de xuño de 2013 botaban o fecho os históricos cines Valle Inclán e, co seu final, Compostela entraba no clube de cidades nas que o cinema é sinónimo de arrabaldo, centro comercial e, con contadas excepcións, menú cinematográfico de grandes distribuidoras. Este mércores, 18 de marzo, será a data antónima a aquel 30 de xuño. Ás once e media da mañá no número 9 da céntrica rúa de Concepción Arenal baixarán as luces e comezará a funcionar un proxector para, coa última tecnoloxía dixital, ofrecer Nubes Pasaxeiras (Aki Kaurismäki, 1996) subtitulada en galego. Será unha sesión especial, inaugural e de balde coa que botará a andar oficialmente o proxecto NUMAX.

A diferenza doutras proxeccións deste tipo que, efectivamente, se realizaron na cidade nos últimos anos de maneira puntual ou enmarcadas nos festivais Cineuropa e Curtocircuíto, é que haberá outro pase do filme ás catro, ás oito e cuarto e ás dez e cuarto. Ás seis será a quenda para Numax presenta (Joaquín Jordà, 1980), o filme do que o proxecto toma o nome. E o mellor é que ao día seguinte haberá máis cine, e ao seguinte máis. E así será catro veces cada xornada agás os luns, cun pase pola mañá e tres pola tarde. Para que a xente "volga gozar do cinema quedando na cidade", din.

Este regreso do cinema á pé de rúa é o resultado de máis dun ano de traballo de cinco profesionais: Ramilo Ledo, Irma Amado, Antonio Doñate, Xosé Carlos Hidalgo e Pablo Cayuela. Eles, xunto á profesora e académica Margarita Ledo Andión, son a base de NUMAX, a cooperativa de traballo asociado na que se sustenta esta sala de cinema de 70 butacas, na que a luz se pode prender e apagar cando corresponde grazas ao apoio de 182 avalistas que fixeron posible a obtención dun préstamo de 300.000 euros a través dunha cooperativa de crédito.

Numax ofrecerá catro pases diarios de martes a domingo

Este martes, nas horas previas á estrea oficial do proxecto, o equipo de NUMAX recibiu a prensa na propia sala. Mentres os operarios que traballan na obra apuraban o seu labor ofreceron os detalles dunha aposta que vai moi alén das proxeccións cinematográficas ao uso. NUMAX é unha sala de cine pero tamén unha libraría con obras de literatura, arte e pensamento que, explica a súa coordinadora, Irma Amado, abre as portas "con arredor de 3.000 títulos" seleccionados polo propio persoal. No semisoto do local funcionan xa tamén as divisións de deseño gráfico e produción audiovisual de NUMAX, outras vías de negocio ás que, case de maneira imprevista, se suma á de distribución de películas, unha "oportunidade de distribuír filmes que non había quen distribuíse", sinala Ledo, que comezará nos vindeiros meses con Los Hongos.

O proxecto inclúe unha libraría e as divisións audiovisual e de deseño gráfico

O equipo de NUMAX non está só no camiño que agora inicia. Vai da man dunha ducia de salas independentes doutros puntos do Estado que, a través da incipiente rede CineArte, apostan por consolidar unha rede de salas independentes. E procura, ademais, arrodearse de persoas abonadas que por 30, 120 ou 500 euros anuais, poderán acceder ás entradas de prezo reducido (4,80 euros), entre outras vantaxes. Tras Nubes pasaxeiras e Numax presenta o menú inaugural de NUMAX continuará nas vindeiras semanas con Maps to the stars (David Cronenberg, 2014), A besta humana (Jean Renoir, 1938), Costa da Morte (Lois Patiño, 2013), Pasolini (Abel Ferrara, 2014) e Puro Vicio (Paul Thomas Anderson, 2014).

Entradas de NUMAX © NUMAX

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.