"O noso home na BBC", así define Afonso Vázquez-Monxardín a Alejandro Manuel Raimúndez Fernández (Ourense, 1906 – Devon, Inglaterra, 1968) na entrada que asina no Álbum de Galicia sobre o que forma impulsor e responsable das emisións en galego da BBC de Londres.
O 'Álbum de Galicia' incorpora a biografía de Alexandre Raimúndez, "o noso home na BBC"
Raimúndez queda así incorporado á colección dixital de biografías coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) repasa a vida e obra de persoeiros galegos que destacaron no ámbito da sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Desde este mércores, conta tamén cun repaso á traxectoria deste home, fillo de Felisa Fernández Rodríguez e do prestixioso xastre ourensán Benigno Raimúndez, de ideoloxía masónica e galeguista.
Alexandre Raimúndez, como destaca o CCG, marcha a Vigo con 16 anos para estudar na Escola Pericial de Comercio e, de alí, a Madrid, onde, tras rematar os estudos de Profesor Mercantil na Escola de Comercio, se incorpora como profesor auxiliar nese mesmo centro.
Durante o tránsito á II República, desenvolve unha grande actividade e é integrante destacado da loxa masónica Mare Nostrum ou participante das actividades do Ateneo. Atraído pola actividade de Ramiro Ledesma Ramos, asina o manifesto La Conquista del Estado e, ata outubro de 1931, exerce como secretario e colaborador da publicación homónima.
Nos catro artigos que asina, agás no primeiro, Alexandre Raimúndez amosa a súa visión de Galicia e do mundo, "deixando constancia da súa paixón autonomista e defendendo o impulso das identidades, do federalismo e dun acordo non-imperialista con Portugal". Esta actitude “que tanto sorprende aos estudosos da orixe do fascismo español” sería a que explicaría o seu rápido afastamento do proxecto de Ledesma, tal e como subliña Afonso Vázquez-Monxardín na entrada que escribe para o Álbum de Galicia.
Internado no campo de refuxiados de Argelès-sur-Mer, marcha ao Reino Unido grazas ás xestións dun pastor protestante que coñecera en Ourense
Alexandre Raimúndez foi tamén integrante do Secretariado Gallego en Madrid, unha asociación que buscaba contribuír ao proceso de reivindicación do Estatuto de Galicia, e asinante do manifesto El Secretariado Gallego en Madrid y el problema bilingüístico. En 1932, é elixido secretario segundo da Sección de Ciencias Económicas do Ateneo de Madrid.
A súa carreira profesional trasládase a Barcelona no ano 1935, onde é nomeado catedrático de Estudos Superiores de Xeografía na Escola de Altos Estudos Mercantís e, durante a Guerra Civil, só se sabe que na súa fin foxe a Francia e que pasa polo campo de refuxiados da praia de Argelès-sur-Mer, de onde sairá grazas ás xestións dun pastor protestante ao que coñecera en Ourense e que daquela vivía en Gran Bretaña.
É no Reino Unido, xa coa súa residencia de acollida fixada en Suffolk, onde en maio de 1939 Alexandre Raimúndez comeza a facer as xestións necesarias para emigrar a México como profesor. Pero xórdelle a oportunidade de incorporarse ao servizo para España que a BBC ía inaugurar en xuño. Desde 1941, desenvolve as tarefas de redactor da Sección Española e radia o día a día da II Guerra Mundial co funcionario da Generalitat de Catalunya Josep Mayé.
Raimúndez incorpórase á BBC en 1941, onde traballa máis de vinte anos, e impulsa os programas en catalán, galego e vasco emitidos entre 1947 e 1956
É ao remate da guerra cando ambos impulsan os programas en catalán, galego e vasco que se emitiron en antena entre os anos 1947 e 1956, dos cales Alexandre Raimúndez foi o redactor encargado. “Para recadar as colaboracións e proceder aos temas legais de sinatura de contratos e pagamentos, mantivo unha fluída correspondencia coa intelectualidade galega participante, tanto nas emisións galegas como nas españolas”, apunta Afonso Vázquez-Monxardín. De feito, as súas cartas aparecen nos epistolarios de Ramón Villar Ponte, Ricardo Carballo Calero, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Filgueira Valverde ou García-Sabell, entre outros.
No servizo público de radiotelevisión británica operaba co pseudónimo de Xavier Fernández e foi presentador, autor de tres programas e encargábase frecuentemente da lectura dos textos que se enviaban desde Galicia.
"Emisora de Londres da BBC. C'o programa d'ista noite damos comenzo as nosas transmisiós en língoa galega". Así comezaba o 14 de abril de 1947 o primeiro programa en galego na radio británica, que deu en ser a primeira programación radiofónica estable en idioma galego. A Real Academia Galega conserva nos seus arquivos máis de oitenta guións daquel Galician Programme, que achegou tamén a Galicia voces vetadas no país ata que, en 1956, "as presións" da ditadura franquista lograron botarlle o ferrollo. Supuxo a primeira programación radiofónica estable en idioma galego.
Foi grazas á doazón de Raimúndez, que en 1962 entrega na Academia unha copia dos 83 guións orixinais radiados nas emisións que se preocupou de reunir e encadernar, como tamén fixeron Leuter González Salgado, e Francisco Fernández del Riego. "Deste xeito, polo interese dos principais protagonistas, hai tres coleccións completas, o que garantiu a súa conservación e difusión, lograda en 1994 coa publicación íntegra dos guións feita polo profesor Antonio Raúl de Toro Santos", destaca Vázquez-Monxardín.
Raimúndez xubílase da BBC con problemas de saúde en 1963 e, logo dunha longa enfermidade, falece o 1 de outubro de 1968. Os seus restos repousan no cemiterio de Torquay baixo unha inscrición que di: Alejandro Manuel Raimúndez. Born Orense, Spain, 9th March 1906/ died at Paignton, 2nd October 1968. Inda que lonxe da súa terra, o esprito está sempre nela, Sempre en Galicia.