O alumnado do IES de Cedeira mobilízase pola retirada da exposición de poemas denunciada ante a Xunta

O poema denunciado © Biblioteca Escolar Punta Candieira

"Non á censura" foi o berro máis repetido polos alumnos e alumnas do IES Punta Candieira nas protestas que levaron a cabo este martes contra a retirada da exposición de poemas que realizaran nun obradoiro. Unha denuncia anónima dun mestre ou mestra ante a Xunta pola existencia dun verso que dicía "Odio España" tivo como resultado que a Dirección do instituto retirase a mostra.

As criticas nas redes sociais foron continuadas este martes por unha concentración no centro, onde os rapaces e rapazas, con roupas negras, amosaron o seu decontento realizando senllas sentadas nos dous recreos da mañá. Ademais, colocaron nas paredes do instituto carteis nos que se podían ler mensaxes como "Cando a tiranía é lei, a revolución é orde" ou "a liberdade de expresión é dicir o que a xente non quere oír", ademais do "Non á censura" que dominou a mobilización convocada. A protesta contou co apoio do alcalde de Cedeira, o socialista Pablo Moreda.

O alumnado do IES de Cedeira recibiu este martes numerosos apoios. Un deles foi o do poeta Carlos Negro, que en febreiro impartiu o obradoiro de poesía do que partiron as creacións que formaron parte da mostra de textos poéticos. "Estas son as miñas armas de destrución masiva. Poemas, versos, onzas de chocolate. Levo anos indo con elas polos centros educativos de toda Galicia. Agora escoito que unha denuncia anónima e covarde pon en dúbida o traballo honesto do equipo de biblioteca deste instituto onde fun feliz. Todo o meu apoio para esas profes e o seu alumnado. Desde a liberdade, desde a poesía", escribiu en Instagram acompañando unha foto do propio IES Punta Candieira.

Tamén CIG-Ensino difundiu un comunicado no que critica "as actuacións de censura expresa por parte da Consellaría de Educación", sinalando que este caso é "unha mostra máis de inxerencia e de introdución da prepotencia no funcionamento ordinario dos centros de ensino" do país. O sindicato afirma que "o inspector do centro, nun alarde de prepotencia e falta do mínimo rigor profesional, tería ordenado telefonicamente á dirección a retirada da exposición".

Por outra banda, a asociación Hablamos Español, que preside Gloria Lago, anunciou que vén de presentar unha queixa ante a Consellería de Educación criticando a "falta absoluta de neutralidade ideolóxica".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.