O alumnado do instituto de Guitiriz pide as Letras para Xosé María Díaz Castro

Escultura homenaxe a Xosé María Díaz Castro © http://xosecidmenor.wordpress.com/

Comeza a carreira. En tres semanas a Real Academia Galega anunciará a que autor ou autora lle dedirará o Dia das Letras Galegas no ano 2014. E entre os candidatos e candidatas que contan con máis apoios figuran algúns nomes que levan moitos anos nestas quinielas, coma Carlos Casares, Carvalho Calero ou Xosé María Díaz Castro.

O nome de Díaz Castro está todos os anos enriba da mesa e como sempre din os promotores da súa homenaxe "algún ano terá que ser". O autor de Nimbos é citado unha e outra vez polos seus versos Un paso adiante, un paso atrás, Galiza. E a tea dos teus soños non se move, pero nese único poemario e noutros escritos demostra unha calidade literaria coma poucos e o propio Carvalho Calero dixo que Nimbos viñera restaurar "a poesía total" na literatura galega.

Os seus apoios son indubidables en Guitiriz, o lugar onde naceu (na parroquia dos Vilares) e onde tamén volveu para morrer en 1990. De feito, o alumnado do instituto que leva o seu nome en Guitiriz fixeron un documental titulado A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro, que busca difundir a súa figura e reclamar que sea homenaxeado en 2014. Será proxectado este xoves no propio centro e nas vindeiras semanas poderá verse en varios lugares de Galicia, comezando pola Coruña. O traballo, duns 15 minutos de duración, inclúe entrevistas e unha versión rapeada dun  dos poema de Díaz Castro.

Escultura homenaxe a Xosé María Díaz Castro © http://xosecidmenor.wordpress.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.