'O Apóstolo' competirá na sección oficial de Annecy, o meirande certame de animación

Fotograma do filme © O Apóstolo

O Apóstolo é unha das nove películas que se presentarán a competición na Sección Oficial no Festival de Cinema de Annecy (Francia), o certame internacional de animación máis importante do mundo.

Todo o sector da animación internacional darase cita na cidade francesa do 10 ao 15 de xuño. O Apóstolo presentarase o día 12 e o seu director, Fernando Cortizo, ten programada unha charla-coloquio na que achegará os detalles da película a profesionais e técnicos internacionais. O festival, creado en 1960, é o referente na industria da animación. A programación deste ano contará con 236 películas seleccionadas, das case 2.500 recibidas de 88 países. En edicións anteriores, cintas como Coraline ou Fantastic Mr.Fox lograron o premio Le Cristal.

O Apóstolo estreouse no Festival Internacional de Cinema de Moscova o pasado mes de xuño, sendo a primeira vez que este festival seleccionaba unha película de animación en Sección Oficial a competición. Tamén recibiu recentemente o Grand Prix no festival Cinehorizontes de Marsella e o primeiro premio no festival Expotoons de Buenos Aires, o festival de animación máis importante de Latinoamérica. Ademais, conseguiu o Gran Premio do Xurado no Fantasporto, e tamén o Premio á Mellor Banda Sonora e o Premio do Público na Monstra de Lisboa. Foi a gran triunfadora nos Premios da Academia Galega ao recibir 6 premios Mestre Mateo, entre eles o de Mellor Película.

Fotograma do filme © O Apóstolo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.