O Apóstolo gaña o Premio do Público no Festival de Annecy

O Apóstolo © Praza Pública

O Apóstolo recibiu este sábado pola noite o premio do público no Festival de Annecy (Francia), un dos máis importantes do mundo da animación. Fernando Cortizo recibiu o galardón da man de Marcel Jean , director do  festival, nun emotivo acto en La Salle des Haras. Entre os asistentes estaba Brian Miller, vicepresidente dos Cartoon Network Studios e membro do xurado, e tamén Eric Goldberg o lendario debuxante de Disney.

Este prestixioso galardón outórgalle un gran respaldo á película, xa que o público deste festival está formado exclusivamente por profesionais do sector, cun alto nivel de exixencia. O premio Le Cristal foi para a película brasileira Rio 2096: unha historia de amor e de furia do director Luiz Bolognesi. O festival, creado en 1960, é o referente na industria da animación. A programación deste ano contará con 236 películas seleccionadas, das case 2.500 recibidas de 88 países. En edicións anteriores, cintas como Coraline ou Fantastic Mr.Fox lograron o premio Le Cristal.

O Apóstolo estreouse no Festival Internacional de Cinema de Moscova o pasado mes de xuño, sendo a primeira vez que este festival seleccionaba unha película de animación en Sección Oficial a competición. Tamén recibiu recentemente o Grand Prix no festival Cinehorizontes de Marsella e o primeiro premio no festival Expotoons de Buenos Aires, o festival de animación máis importante de Latinoamérica. Ademais, conseguiu o Gran Premio do Xurado no Fantasporto, e tamén o Premio á Mellor Banda Sonora e o Premio do Público na Monstra de Lisboa. Foi a gran triunfadora nos Premios da Academia Galega ao recibir 6 premios Mestre Mateo, entre eles o de Mellor Película.

O Apóstolo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.