'O Apóstolo' triunfa nos Mestre Mateo cun audiovisual "que loita por saír adiante"

Escenario da gala © Academia Galega do Audiovisual

"Se cadra, non hai demasiado que celebrar". O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos, comezou deste xeito o seu discurso na gala da undécima edición dos premios Mestre Mateo. Coas industrias culturais azoutadas pola crise a festa do audiovisual galego non foi allea ás dificultades económicas e sociais, se ben a entrega de galardóns distou moito de ser un acto de vocación reivindicativa. Reivindicativo, aínda que cun aquel optimista, si estivo Mourelos, quen amosou a vocación de "saír adiante" nunha noite que tivo ao filme O Apóstolo, con seis distincións -mellor longametraxe, dirección, dirección de arte, música orixinal, son e dirección de produción-, como gran triunfador da noite.  

"Somos conscientes do momento polo que estamos pasando" pero "queremos seguir estando aquí" e iso "non sempre foi así", subliñou Mourelos ante a platea do Pazo da Ópera da Coruña, na que sentaban o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o novo director da AGADIC, Jacobo Sutil. "Sabemos que temos moito que mellorar, pero o que está en xogo é demasiado importante como para deixalo morrer", explica o presidente da Academia. O que está en xogo, di, non é outra cousa que "a nosa propia imaxe" como país, pero tamén a "riqueza" a través dun sector "plenamente capacitado para xerar valor engadido e riqueza".

"O que está en xogo é demasiado importante como para deixalo morrer", di Mourelos

"Estamos aquí e loitaremos por seguir aquí", sintetizou Mourelos nunha gala que tivo como fío condutor unha historia de mortos vivintes, uns zombies omnipresentes ao longo dun evento que a audiencia da Televisión de Galicia viu cuns corenta minutos de retardo. Esa historia con reminiscencias da americana The walking death foi a responsable de que o actor Ricardo de Barreiro fose trocado pola actriz Cristina Castaño para conducir o acto, ou de que Luis Tosar morrese acribillado a balazos. Estivo, non obstante, allea no número musical central da gala, na que un bo número de profesionais da escena do país adaptou a Galicia unha canción d'Os miserables.

O Xabarín Club levou o premio de honra e a directora da TVG asegura ser consciente "de que nos temos que adaptar aos novos tempos"

Á marxe dos zombies, polo atril dos premiados e premiadas pasaron obras como  Concepción Arenal, a visitadora de cárceres, representada por Mabel Ribera, mellor actriz secundaria que lamentou a existencia dunha sociedade cada vez máis desigual" e lembrou a súa orixe ferrolá, de Ferrol "de Concepción Arenal, non do caudillo". A igualdade translocérona tamén as verbas de Mónica Ares, que recolleu o premio á mellor realización por Galegos no mundo; ela, subliñou, logrou desenvolver a súa profesión "grazas á educación pública" e desexa "que os galegos sigan indo polo mundo por amor ou por vicio, non por necesidade". Na mesma liña pronunciouse Alberto Díaz, Bertitxi, Mestre Mateo á mellor fotografía por Vilamor, quen se dirixiu directamente a Jesús Vázquez para reivindicar que "un país sen lingua, sen investigación e sen educación non é un país".

A gala finalizou pasada a media noite coa música do Xabarín Club, premio de honra Fernando Rey que foi recollido pola directora da TVG, Rosa Vilas, a carón dalgúns dos mozos e mozas do audiovisual que foron -ou son- parte da coñecida como Xeración Xabarín, a mesma que reivindicaba a web que pechou hai escaso tempo entre advertencias de denuncia, precisamente, da propia TVG. "Somos conscientes de que nos temos que adaptar aos novos tempos", asegura a responsable da canle pública. 

Fotograma do filme © O Apóstolo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.