O audiovisual galego renova os seus galardóns lanza os 'Premios Ith' para novos talentos e formatos

Vista xeral da gala © Moncho Fuentes / AGA

A Academia Galega do Audiovisual lanza unha nova edición, a décimo terceira, dos Premios Mestre Mateo, e abre o prazo para presentar candidaturas, que se poderán remitir ata o vindeiro 28 de novembro. En total haberá vinte categorías ás que poder optar a un Mestre Mateo, cinco das cales serán relativas ás obras (longametraxes, documentais cunha duración superior aos 30 minutos, series e programas de televisión) e as quince restantes serán para os profesionais das mesmas.

Decidiuse manter os Mestre Mateo, mais centrándoos na produción de longametraxes, documentais, series e programas de TV, e crear estes novos galardóns

Será este un ano de mudanzas. A Academia quere "adaptar os premios á realidade cambiante do sector" e con ese obxectivo decidiu lanzar uns novos galardóns, os Ith, destinados a premiar o "talento emerxente" do audiovisual galego e os novos formatos. Ao longo do verán, e coa colaboración dun amplo número de académicos e académicas, realizouse unha análise profunda de todos os aspectos relativos aos premios. Finalmente, decidiuse manter os Mestre Mateo, mais centrándoos na produción de longametraxes, documentais, series e programas de TV, e crear estes novos galardóns.

Na actualidade, desde a Academia estase traballando no desenvolvemento destes premios, que terán tres liñas principais: recoñecer o talento emerxente dos novos creadores audiovisuais no máis amplo sentido da palabra; recoñecer a achega doutras realidades dentro do sector audiovisual, como o mundo da crítica, o estudio, a difusión, etc: e por último, recoñecer e poñer en valor o talento existente noutros terreos da creación audiovisual e noutros formatos de menor duración (como curtametraxes webseries, videoclips, pezas promocionais, publicidade, deseño gráfico, videocreación...), "que desenvolven unha enorme capacidade creativa e que non sempre tiñan o seu espazo nos Mestre Mateo", destácase.

Estes premios "queren ser unha festa na que, cunha proposta máis informal, desenfadada e apoiada nas novas tecnoloxías, se dea cabida a outras formas de entender un sector como o audiovisual"

Estes premios "que se celebrarán cara ao final do verán e, a poder ser, ao aire libre, queren ser unha festa na que, cunha proposta máis informal, desenfadada e apoiada nas novas tecnoloxías, se dea cabida a outras formas de entender un sector como o audiovisual, que cada día é máis complexo, diverso e plural", conclúen dende a Academia.

 

As 20 categorías dos Mestre Mateo

Haberá 20 categorías ás que poder optar a un Mestre Mateo, 5 das cales serán relativas ás obras e as 15 restantes serán para os profesionais

Os Mestre Mateo entregarán unha vintena de premios para recoñecer o traballo das producións estreadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano en curso (pódense consultar aquí as bases). Haberá galardóns a Mellor Longametraxe, Mellor Longametraxe de Animación, Mellor Documental, Mellor Serie de Televisión e Mellor Programa de Televisión. Tamén se recoñecerá a Mellor Interpretación Masculina Protagonista, a Mellor Interpretación Feminina Protagonista, a Mellor Interpretación Masculina de Reparto, a Mellor Interpretación Feminina de Reparto, a Mellor Comunicador/a de Televisión, a Mellor Dirección, o Mellor Guión, a Mellor Dirección de Fotografía, a Mellor Dirección de Arte, a Mellor Montaxe, a Mellor Realización, a Mellor Música Orixinal, o Mellor Son, o Mellor Vestiario e a Mellor Maquillaxe e Perruquería.

Hai numerosos cambios con respecto á edición 2013. Desaparecen as categorías de Mellor Longametraxe para Televisión, Mellor Serie Web, Mellor Curtametraxe de Imaxe Real, Mellor Curtametraxe de Animación, Mellor Anuncio Publicitario, Mellor Videoclip e Mellor Dirección de Produción, que con toda seguridade pasarán a integrar, xunto con algunhas outras de nova creación, os novos Premios Ith.

Vista xeral da gala © Moncho Fuentes / AGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.