O castro de Castrelo, ameazado pola AC-433

Porta de entrada ao castro de Castrelo © Contramínate Laxe

No verán de 2009 as obras de ampliación da estrada AC-433, que une Laxe e Camariñas, deixaron ao descuberto unha porta monumental de entrada a un xacemento castrexo da segunda Idade do Ferro, o castro de Castrelo, como recollía daquela Manuel Gago no seu blog, destacando a importancia do achado e a semellanza desa singular porta co chan de laxas coas atopadas no Castro de Borneiro ou no de Elviña. Os traballos que dende entón se realizaron no lugar detallaron as características da entrada monumental de 2,62m de anchura, e sacaron á luz un recinto amurallado de 40 metros de lonxitude e que acada nalgúns puntos 1,80 metros de altura.

A pesar que nese momento Patrimonio asegurou que as obras da estrada non afectarían ao lugar e que o achado sería protexido convenientemente, Contramínate Laxe denuncia que as actuacións neste treito comezaron hai unha semana e poden provocar un impacto irreparable. "Por un lado están sepultando o castro coa estrada e por outro queren destapalo para estudalo e logo deixalo abandonado (iso seguro) á intemperie e deteriorándose, cando xa existe a menos de 50 metros, a estrada de sempre, que ben vale para que pasen coches", destacan.

"A solución máis sinxela e máis coherente sería que a estrada se mantivese no trazado actual, o da AC 433, que non prexudica a ninguén e ten ancho de sobra, pero vai saber por que a Xunta de Galicia opta pola solución máis complicada e cun custe desaforado. Non é máis fácil poñer en valor a estrada existente que construír unha nova, nestes tempos de carestía económica?", engaden.

Porta de entrada ao castro de Castrelo © Contramínate Laxe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.