O cineasta Enrique Otero lánzase ao xénero documental tras o éxito ‘Crebinsky’

Escea do filme © Praza Pública

Enrique Otero está a traballar na súa nova produción. Despois da gran acollida da fita Crebinsky, o cineasta mergúllase no xénero documental. Este novo proxecto titularase  Funes: o inventor da lúa e o equipo encabezado por Otero iniciou a rodaxe o pasado mes de xaneiro. Trátase dunha peza que retratará ao seu xeito a estreita historia que une Galicia co mundo da invención. Ese é o detonante inicial desta nova fira. “A idea orixinal era realizar un documental sobre os inventores galegos. Ou mellor dito, sobre o mito inventor en Galicia. Sempre se falou moito dos inventores que hai en Galicia, do que fixeron. Aí había un tema interesante”, explica o propio Otero, quen está embarcado nesta nova produción ao carón do dramaturgo e actor Carlos Santiago.

Nas relacións entre Galicia e a invención hai tema. Pero tamén, como asegura Otero, hai unha sorte de historia mitolóxica. Quizais mesmo de drama grego en moitos aspectos.

Nas relacións entre Galicia e a invención hai tema. Pero tamén, como asegura Otero, hai unha sorte de historia mitolóxica. Quizais mesmo de drama grego en moitos aspectos. “Como apunta un historiador que nos está a axudar, en Galicia si que hai unha agudeza mental para crear inventos, pero para o mundo dos negocios xa non tanto”;  ironiza o cineasta. Un dos inventores máis coñecidos foi seguramente Antonio Sanjurjo Badía (Sada,1837-Vigo,1919), quen en plena guerra de Cuba, afanouse por colaborar na defensa de Vigo dos posibles ataques estadounidenses. “Nesa mitoloxía da invención en Galicia hai grandes historias, como a de Sanjurjo que creou un submarino para defender a Ría de Vigo. Fíxoo el só, o cal o converteu nun chalado singular”, explica Otero. Sanjurjo demostrou esa máxima de que había enxeño creativo, pero pouca maña cos negocios, xa que o mesmo día que se probou con éxito o seu submarino asinouse a paz. O invento funcionou, mais nunca foi necesario empregalo.

Outros casos que destaca Otero desa estirpe de inventores galegos é o de Domingo de Andrade. O prestixioso arquitecto do século XVII, creador da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, tamén empregou o caletre para a invención. “Andrade, o que construíu a Berenguela, tamén deseñou unha primitiva bomba química feita a base de animais podres”, asegura Otero.

Estes personaxes, unidos a outros como Ramón Verea (que deseñou a calculadora automática que descansa no museo de IMB) ou Alexandre de Fisterre (un dos pais do futbolín), crean un corpus máis que atractivo para desenvolver un documental ao redor da invención en territorio galego. Mais esa idea, a Enrique Otero non lle parecía o suficientemente interesante e atopou unha oportunidade de ir máis aló, de darlle unha voltiña ao asunto “Non quería facer o típico documental aburrido. Era escéptico con ese tipo de película, pero ao final en medio da investigación sobre os inventos en Galicia, atopamos un fulano chamado Uxío Funes, que chegou a traballar para a Nasa e que tivo moito que ver coa chegada do home a lúa”, asegura Otero.

O gusto polas fábulas

Deste xeito, ese personaxe descoñecido converterase no gran leitmotiv da obra, aínda que o conxunto do retablo inventor galego seguirá presente. “Polo medio xogamos cos inventos en Galicia, de toda esa historia de que somos un país de inventores. Imos ver até que punto é así. Ao final, un pouco a conclusión á que estou a chegar é esa: que hai agudeza para inventar, pero para os negocios o conto non é o mesmo”, chancea o cineasta, que admite que -en todo este universo da invención- atópanse moitos trazos de mito e de fábula. “Igual chamoume o asunto porque a min gústame as fábulas, aínda que sexan reais”, sentencia Otero.

A intención do cineasta é que a obra estea rematada entre abril e xuño. Ademais, despois do éxito acadado por Crebinsky en varios festivais internacionais, Otero buscará sorte outra vez nos certames cinematográficos. “Xa hai xente interesada”, explica sen querer adiantar moito máis. Nesta ocasión, Enrique non se encargará da produción da súa propia obra, xa que despois do traballo con Crebinsky buscou outras vías. “Non é un proxecto da miña produtora. Quixen facer unha paténtese no eido da produción e que se encargasen outros, neste caso, SagaTV”, explica.

Enrique Otero Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.