"O cinema árabe experimentou unha completa metamorfose. Fanse películas moi valentes"

Sylvered Water © Amal

O Festival AMAL cumpre trece anos tentando servir de ponte entre culturas. Desta volta olla a Siria, e de novo a Palestina, entre outros países. Para reivindicar o entendemento entre os pobos e loitar contra as imaxes estereotipadas. Duns e doutros. Porque, tal como explica o seu director., Ghaleb Jaber Martínez, nin todo é integrismo relixioso, nin todo é marabilloso. E a crítica é tamén necesaria. Falamos con el.

Amal leva xa trece edicións. Agora recuperades o apoio do concello... Que outras novidades hai?

Respecto a iso a verdade é que eu sempre defendín o mesmo: co BNG, co PP e agora. O Teatro Principal é un espazo público. É noso, de toda a sociedade e de todos os axentes culturais. Por iso eu non lle chamaría colaboración do concello a que che deixen usar o teatro. Si é certo que este ano facemos as proxeccións alí, e que o ano pasado non as fixemos porque só nos ofrecían días intermitentes.

Realmente Amal xa comezara coas proxeccións dos luns. Como funcionaron?

É un ciclo que organizamos co apoio da Deputación da Coruña, con proxeccións de filmes de edicións anteriores de Amal, en Santiago e noutros concellos. Houbo uns cen espectadores por proxección. Foi moi ben.

Este ano a programación vén marcada, dalgún xeito, pola crise dos refuxiados. Amal sempre atende á actualidade dos países árabes...

Desgraciadamente cada ano hai conflitos novos. E o noso obxectivo é que os espectadores teñan unha visión diferente deses conflitos, máis cercana aos mesmos. Siria está presente este ano, claro. Ademais, as consecuencias chegan ata nós, a Europa. Ata este ano foinos difícil incorporar algunha película de Siria, pero este ano tivemos a sorte de contar con Silvered water, Syria Self-Portrait, que trata a realidade do conflito, a crueldade da guerra, pero consigue facelo dun xeito poético, que é unha maneira moi árabe de contar as historias, pola tradición poética do mundo árabe. Ademais, a recadación da taquilla imos destinala á axuda aos refuxiados que veñan a Santiago. Queremos facelo en coordinación co concello, e preferimos facer así que mandar os cartos fóra e que só lle chegue unha pequena parte a quen os necesita.

A programación combina filmes de carácter máis documental con ficción. Hai propostas que parecen moi interesantes, como o documental sobre as mulleres exipcias que contraen matrimonios temporais.

O criterio é que sexan boas películas. O cinema árabe experimentou unha completa metamorfose por dous motivos. Un é a revolución dixital, que abarata custes. O outro é a incorporación dunha xeración de cineastas que empezaron en Europa e que amosan un grande coñecemento do medio. E, sobre todo, que fan propostas moi valentes ao reflexar os problemas reais. Hai películas que proxectamos aquí que dificilmente poderían proxectarse nalgúns países árabes. No caso da ficción, por exemplo a palestina, en Giraffada cóntase a historia dun neno e unha xirafa, pero o fondo é o conflito, a realidade da ocupación. A xirafa non pode pasar a fronteira, e é unha metáfora do que vive o pobo palestino. Algo semellante pasa en Villa Touma: a ocupación está detrás. Ghadi, do Líbano, é unha historia dun pobo cunha mentalidade pechada que rexeita un neno con síndrome de Down. É unha historia moi tenra sobre como o pai axuda o fillo.

Houbo anos que trouxestes varios directores de películas para que as presentasen. Outros programadores teñen máis onde buscar, indo a outros festivais. Vós arranxades con internet?

Si. O problema é que como somos un festival de iniciativa privada non temos a estabilidade orzamentaria que poden ter Cineuropa ou Curtocircuíto, por exemplo. Gustaríanos poder ir a festivais, traer directores... pero non podemos. AMAL é sustentado por un grupo de empresas que quere investir en cultura. Antes tiñamos apoio da Axencia de Cooperación Internacional, que agora tampouco temos porque xa non existe. O concello nunca puxo diñeiro. Nós propuxemos integrarnos en Cineuropa, pero tampouco se aceptou a nosa proposta. A Xunta é o único patrocinador que temos desde hai 13 anos. Houbo certas institucións que nos daban 200 euros. Pero si, como dis, internet é moi importante. Ademais despois de tantos anos xa nos chegan moitas propostas, xa coñecemenos xente... É doado, nese sentido.

Un dos documentais é sobre o recrutamento de mozos para a “guerra santa”.  Falabas antes de documentais que reflectían unha realidade heteroxénea, non monolítica. Como lidar cos estereotipos sobre o mundo árabe, nese sentido?

O bo dos estereotipos é que son fáciles de bater cando hai unha comunicación real entre a xente. É verdade que a imaxe sobre o mundo árabe a conforman moito os telediarios e os xornais, pero hoxe tamén está internet e as redes sociais. AMAL mostra, a través das películas, que no mundo árabe a xente ten os mesmos problemas que en calquera parte do mundo. Tenme pasado algunha vez,ademais, que teño a alguén no xurado que me di que algunhas películas que proxecto dan mala imaxe sobre os países árabes.  Pero é que eu creo que temos que falar da realidade e ser críticos, e non facer propaganda. E desde a Fundación Araguaney loitamos todo o ano contra eses estereotipos. Nin todo é Estado Islámico, nin todo é marabilloso.

Ademais, aínda que se cadra menos desde as revoltas sociais recentes, tendíase a identificar o pobo coas elites. Como se non existise sociedade civil.

Si, e o problema é que só che chegue o negativo e que se xulgue todo desde feitos puntuais. Ademais, hai que lembrar que os que sofren o que fai o Estado Islámico, ou Al Qaeda, son musulmáns. Eles son os que morren. O problema non é a relixión. Non é o Islam, igual que non é o xudaísmo. O problema é o secuestro da relixión con fins políticos. Cando alguén comete un atentado en nome de Mahoma, os musulmáns o que pensan é que se secuestrou a súa relixión para matar irmáns. Do mesmo xeito, o xudaísmo non é o problema, senón o sionismo.

Algo máis?

Agradecerlle o seu apoio ao público. Hai días que te preguntas por que seguir pelexando. Ademais, parece que hai xente que se incomoda. Porque ti fas con 10.000 euros o que outros fan con 90.000 e consegues a mesma resposta do público. Cando te preguntas por que segues, chegas o primeiro día e ves a sala chea e xa o entendes.

Ghaleb Jaber Martínez, director de Amal © Amal

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.