O Concello de Marín organizou unha proba de trial nun espazo de petroglifos con declaración BIC

Petroglifo na zona do Regueiriño, en Marín, próximo ao grupo que puido ser afectado pola proba de trial © http://montepituco.wordpress.com/

Os colectivos Almuinha, O Ronsel, Defende o Monte Pituco, Luita Verde, Queremos Galego Marín, Colectivo Nacionalista de Marín e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo veñen de presentar diante da Dirección Xeral de Patrimonio un escrito de denuncia contra o concello de Marín por coorganizar e permitir a celebración dunha proba de trial no Bosque de Cadro. Nese espazo atópase o complexo rupestre denominado Petróglifos do Bosque de Cadro, xacemento da Idade do Bronce, consistente en cinco grupos de petróglifos, e catalogado no Inventario Xeral de Patrimonio de Galicia dentro da categoría de Ben de Interese Cultural (BIC).

Estes e outros colectivos sociais da vila presentaran con anterioridade á celebración da proba un escrito, tanto no concello como na Dirección Xeral de Patrimonio, solicitando a suspensión da proba por entender que podería ter unha afección negativa sobre os petróglifos, tendo en conta as características que teñen as probas de trial, xa que as rochas adoitan formar parte dos obstáculos a superar polas motos, e que unha parte dos petróglifos citados están na actualidade ilocalizables debido a décadas de abandono.

Os colectivos denuncian que o concello incumpriu a súa obriga de "protexer, defender, realzar e dar a coñecer o valor cultural dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu termo municipal", como recolle a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Ademais, aseguran que a secretaria da alcaldesa chegou a poñerse en contacto cun membro da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo para que subira ao recinto co concelleiro de eventos e festexos, José Luis Lago, "para observar o percorrido da proba e ver como o petróglifo localizado estaba rodeado cunha cinta", unha protección que os denunciantes xulgan claramente insuficiente.

Nun escrito presentado con anterioridade á proba solicitando a súa suspensión estes colectivos xa informaban que a área de protección que distintas leis marcaban para os Bens de Interese Cultural era de 200 metros, "e que polo tanto rodear cunha cinta o petróglifo localizado ademais de incumprir a lei era unha burla e que se ativera ás posíbeis consecuencias no caso de seguir adiante coa proba". Os demandantes afirman que só o feito "de realizar esta proba sen comunicar nin solicitar autorización a Patrimonio xa supón cometer unha infracción da normativa vixente" e polo tanto solicitan que se abra un expediente sancionador contra o concello de Marín, que podería chegar até os sesenta mil euros.

Petroglifo na zona do Regueiriño, en Marín, próximo ao grupo que puido ser afectado pola proba de trial © http://montepituco.wordpress.com/
Cartaz da proba © http://defendeomorrazo.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.