O Concello de Vigo desvincúlase do Festival ÉMundial, que denuncia boicot

© AGAL

Este sábado comeza en Vigo a segunda edición do Festival Émundial, organizado por AGAL, que durante tres semanas traerá a Vigo concertos, mesas redondas ou obradoiros. O festival naceu o pasado ano en Compostela, seguindo o ronsel aberto por outras iniciativas coma as Descidas ao Rio Minho do MDL em Tui, os Cantos na Maré da Uxía Senlle en Pontevedra ou o Português Perto que se celebra na cidade de Ourense organizado por Noemi Pinheira. Todos estes eventos teñen en común a vontade de comunicar "que a nossa língua éMundial" a través da música, da literatura ou das conversas.

Os organizadores denuncian que no último momento, este mesmo venres, o Concello de Vigo anunciou que retiraba o seu apoio á celebración do festival "sem nenhum tipo de argumento que o justificasse, no que só se pode denominar como um capricho", e que ademais lles denegou o uso dos espazos previstos, o que dende a organización interpretan como "boicote". Así, as actividades que esta fin de semana se ían realizar na Casa Galega da Cultura, foron xa trasladadas ao Hotel Bahía. AGAL salienta que o "éMundial terá lugar" aínda que sexa nun "formato menor que deixará fora atividades magníficas"

Esta fin de semana desenvólvense as primeiras actividades, que serán precedidas pola apertura do festival, a partir das once da mañá no Hotel Bahía, a cargo de Xurxo Souto. A seguir, comezará o Encontro de Escritores da Lusofonía, no que participarán, en varias mesas redondas e recitais Ondjaki (Angola), Fernanda Angius (Portugal), Amílcar Bettega (Brasil), Carlos Quiroga, Séchu Sende,Maria Lado, Carlos Taibo, Iolanda Gomis, Ledicia Costas e Raquel Miragaia (Galicia). O domingo celebrarase, así mesmo, unha mesa redonda sobre banda deseñada, presentada por Xico Paradelo, e na que participarán Kiko da Silva, Melo e Maria Vilar.

Outras mesas redondas xirarán ao redor da relación entre as linguas e o mundo empresarial, analizando as oportunidades que se abren para os galegofalantes coas meirandes oportunidades de negocio e emprego en Brasil ou Angola

Nas semanas seguintes, o festival contará con proxeccións de documentais, concertos e obradoiros para alumnos de ensino medio sobre a África Lusófona ou sobre a aprendizaxe do portugués. Outras mesas redondas xirarán ao redor da relación entre as linguas e o mundo empresarial, analizando as oportunidades que se abren para os galegofalantes coas meirandes oportunidades de negocio e emprego en Brasil ou Angola. As actividades chegarán até o 23 de xuño, cando se clausurará unha exposición sobre a Historia do Fado, organizada polo Instituto Camoes.

© AGAL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.