O Concello de Vigo segue sen dar unha data para a apertura do Centro Galego de Fotografía

Centro Galego de Fotografía © Google maps

Pacheco, Llanos, Ksado, Cameselle, Magar... Vigo é, sen dúbida, a capital galega da fotografía. De aí que na pasada lexislatura nacera o proxecto de crear na cidade o Centro Galego de Fotografía, un espazo para a conservación, difusión e estudo dos traballos destes e doutros fotógrafos galegos e de fóra do país. O goberno de coalición de PSdeG-PSOE e BNG aprobou o proxecto, destinou un millón de euros á compra dun inmoble na rúa Chao do casco vello, pediu unha axuda ao Ministerio de Cultura de 1,5 millóns para a súa rehabilitación e programou a inauguración do espazo para a primavera de 2011.

Para Iolanda Veloso, voceira do BNG no Concello, o problema non económico, pois o Centro podería abrirse "case sen custe, pois podería practicamente autofinanciarse", senón de "falta de vontade política"

Porén, unha vez rematadas as obras, e cos fondos listos para o seu arquivado e exposición, o goberno municipal, xa co PSdeG-PSOE en solitario, rexeitou darlle o derradeiro impulso ao proxecto estrela (xunto coa Pinacoteca) da concellaría de Cultura na lexislatura anterior, xestionada polo BNG. Máis de dous anos despois, o Concello vén de aprobar destinar 380 mil euros para acondicionar o interior, pero non confirma cando se poderá inaugurar o espazo.

Para Iolanda Veloso, voceira do BNG no Concello, o problema non económico, pois o Centro podería abrirse "case sen custe, pois podería practicamente autofinanciarse", senón de "falta de vontade política". Veloso destaca que "sería un centro fotográfico de referencia a nivel galego, pero tamén fóra do país, un gran atractivo para a cidade", e lembra o valor dos fondos cos que xa conta o Concello, "os fondos Pacheco, Llanos e Ksado, ademais de Vigo Visións e a colección de fotografía contemporánea", uns fondos que na actualidade non están a disposición dos cidadáns na súa meirande parte. Subliña igualmente a importancia que tería o centro no ámbito da investigación, para o que xa se chegara a un acordo coas tres universidades para poder facer estudos de postgrao relacionados coa fotografía.

Tamén salienta que "é moi preocupante o estado no que están moitos materiais", que mentres o Centro non bote a andar non se poderán conservar e recuperar da mellor forma posible

A voceira do BNG lembra "o esforzo que se fixo na recuperación e xestión do Arquivo Pacheco, da man de Vitor Vaqueiro" e destacou "a gran demanda que a consulta destes fondos fotográficos ten entre a poboación, e o interese que supón que a cidadania participe nel, achegando información". Tamén salienta que "é moi preocupante o estado no que están moitos materiais", que mentres o Centro non bote a andar non se poderán conservar e recuperar da mellor forma posible. Porén, dous anos e medio despois da data prevista de inauguración, e despois de dous anos de completo abandono o Centro Galego de Fotografía terá que seguir agardando.

Centro Galego de Fotografía © Google maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.