O Concello volve tomar a iniciativa para manter os fondos do MAC na Coruña

Fachada do MAC, antigo MACUF © Fundación Naturgy

Hai case un ano, Naturgy anunciaba a súa intención de pechar o Museo de Arte Contemporánea (MAC), que quedou sen actividade aos poucos meses e pechado a final de ano. Malia as queixas de visitantes, cidadanía e do propio Concello, e mesmo mobilizacións, a compañía enerxética mantívose firme nunha decisión que agora volve á actualidade logo de que técnicos municipais asegurasen que parte dos fondos da galería foran xa trasladados a un museo de Valladolid. Négao a empresa, que asegura que nada se moveu do MAC polo momento e que as obras que alí se gardan están a disposición da administración local e da Xunta para que dispoñan delas. 

Técnicos municipais aseguran que varias obras foron trasladadas xa a Valladolid desde o MAC, algo que nega Naturgy

“A idea do Concello é manter a colección e o museo aquí, pero non só depende da vontade municipal”, explica a alcaldesa, Inés Rey, que advirte de que xa non anterior mandato se fixeron importantes “esforzos” por evitar o peche que non serviron ante a decisión firme de Naturgy. 

A rexedora anuncia agora que volverá sentar con responsables da empresa para volter tomar a iniciativa e coñecer a situación da colección co obxectivo de “facer todo o posible” para manter as pezas na Coruña. 

Fotocomposición en protesta contra Naturgy polo peche do MAC CC-BY-SA Ricardo GNF & Pixabay

Á Xunta tampouco lle consta que fosen retiradas obras do MAC e insiste en que sexa o Concello da Coruña quen lidera a iniciativa para manter a colección e reabrir o museo, obxectivo para o que di que sumará esforzos. O gasto que suporía mantelo, uns dous millóns de euros anuais, é o principal atranco para a administración municipal

“A idea do Concello é manter a colección e o museo aquí, pero non só depende da vontade municipal”, di a alcaldesa Inés Rey

O MAC reúne unha valiosa colección de arte propiedade orixinalmente de Unión Fenosa, unhas 700 obras produto das bienais de arte contemporánea que a compañía eléctrica galega organizaba dende o ano 1989 e doutras adquisicións. Entre as pezas, algunhas de Laxeiro, Patiño ou Luís Seoane e un valor total dos fondos que roldaría os 5 millóns de euros. 

Ademais, o museo mantiña unha importante actividade, acollendo varias exposicións cada ano, así como concertos, cursos e obradoiros, así como actividades infantís e convocatorias (residencias, bolsas...). En total, dez persoas traballaban no MAC. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.