Entre o 2 ao 8 de setembro Muíños, Os Blancos, Calvos de Randín e Baltar acollerán a celebración do Congreso Internacional sobre Socialización do Patrimonio no Medio Rural (SOPA)
Entre o 2 ao 8 de setembro, distintos lugares da provincia de Ourense acollerán a celebración do Congreso Internacional sobre Socialización do Patrimonio no Medio Rural (SOPA). Nel presentaranse máis de 60 comunicacións procedentes de países como México, Colombia, Chile, Arxentina, Grecia, Alemaña, Portugal e España e realizadas por case un cento de investigadores e investigadoras en ámbitos como a arqueoloxía, a educación e a antropoloxía.
A cita está organizada polo GEAAT, Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, a través dos seus membros Beatriz Comendador e Óscar Penín, contando tamén co apoio da Bela Auria, da Rede Aldear e de La Underground Colectiva. O obxectivo da organización é chegar ás 200 persoas asistentes, estando aínda aberto o prazo de inscrición.
Hai dez anos, en 2014, a segunda edición do congreso tivo lugar en Celanova. Agora volve a Ourense
“Nesta edición visitaremos un territorio de fronteira, a Reserva da Biosfera da Unesco, que se estende polos concellos de Muíños, Os Blancos, Calvos de Randín e Baltar, seguindo a fronteira con Portugal e que conta con varios dos patrimonios conservados máis importantes de Galicia e, tamén, dos máis descoñecidos”, sinalan desde a organización da evento.
SOPA busca "educar no común, contactar, facilitar o acceso e a transmisión do patrimonio no medio rural; traballar no sentimento colectivo, con xente que quere comprometerse coa comunidade"
Hai exactamente dez anos, en 2014, a segunda edición do Congreso Internacional sobre Socialización do Patrimonio no Medio Rural celebrouse en Celanova. A iniciativa buscaba "educar no común, facilitando o acceso e a transmisión do patrimonio no medio rural" e "abrir o debate da cultura no rural a todos os estamentos da sociedade" con enfoques alternativos e novas propostas “que permitan determinar novos modelos de xestión social do patrimonio, sempre nun contexto de diálogo aberto tanto para científicos como para asociacións e cidadáns”
O congreso quere “pór o foco nos saberes herdados a través das persoas maiores" contando cunha xornada dedicada integramente a este tema
Nesta ocasión, de novo, as sesións de SOPA buscan “educar no común, contactar, facilitar o acceso e a transmisión do patrimonio no medio rural; traballar no sentimento colectivo, con xente que quere comprometerse coa comunidade, que quere cambiar as formas de relacionarnos coa nosa cultura, e emancipar o coñecemento mediante a expansión dos saberes e a cocreación de contidos e metodoloxías”.
O programa completarase con actividades culturais, como teatro, música, cinema documental e narración oral
Segundo explican desde a entidade, neste 2024 o congreso tamén quere “pór o foco, con especialmente atención, nos saberes herdados a través das persoas maiores" contando cunha xornada dedicada integramente a este tema e onde intervirán, entre outros, os antropólogos ourensáns Manuel Mandianes e Fátima Braña. O programa completarase con numerosas actividades culturais que inclúen teatro, música, cinema documental e narración oral.