A Cova Eirós (Triacastela) é un dos maiores tesouros patrimoniais da Prehistoria en Galicia. No seu interior atopáronse materiais líticos pertencentes ao Paleolítico Medio e Superior, restos de ocupacións de Homo neanderthalensis e Homo sapiens, xunto con restos de fauna e flora da época. O espazo conserva a única secuencia do noroeste da Península onde se pode estudar a transición entre os últimos neandertais e os primeiros humanos modernos. En agosto de 2012 fíxose público o achado de pinturas e gravados rupestres que se poderían remontar a 30.000 anos de antigüidade, sendo a primeira mostra de arte rupestre atopada en Galicia. Porén, o xacemento está ameazado dende hai anos por unha explotación mineira, unha canteira da empresa Cementos Cosmos que unha e outra vez recunca no seu intento de ampliar a súa superficie, provocando danos na cova.
Este venres a Asociación Cova Crea e a Asociación ambiental Petón do Lobo fixeron público o informe emitido hai uns días polo Consello da Cultura Galega, que urxe á declaración como Bens de Interese Cultural das Covas de Eirós, da Graxeira e da Cabaxa, que garanta unha acaída protección, "tendo en conta a situación actual das covas e as ameazas derivadas da explotación da súa contorna". Así mesmo, engade que "en tanto non se procede á declaración formal, cómpre garantir unha protección cautelar destes", cunha contorna de 200 metrosm que vén coincidir co previsto nas Normas Subsidiarias do Planeamento de Lugo.
O informe salienta que "o xacemento de Cova Eirós, por mor das súas excepcionais condicións de preservación do rexistro, reúne unha serie de valores patrimoniais que o fan único dentro da Prehistoria galega". E comenta que existe "unha lagoa no noso ordenamento xurídico" sobre o réxime de protección que deben ter os espazos que están pendentes de ser declarados BIC, pero sinala que en todo caso a lei prevé que "debe garantirse cautelarmente a súa integridade co fin de evitar a súa destrución ou deterioración".
O Consello da Cultura engade que "non se trata só de monitorizar a galería da cova para controlar a auga das filtracións e os efectos que se provoquen sismicamente pola explotación nos extremos e no interior da cova, senón que tamén se debería tratar de conservar a solidaria unidade de Cova Eirós e o monte que a soporta, así coma a unidade perceptiva interior-exterior, sobre todo da zona onde está situada a entrada da cova". "Un radio de protección mínimo de 200 metros parece máis que razoable para evitar cunha mínima seguridade os riscos das ondas expansivas das detonacións utilizadas", conclúe.