O Culturgal pecha disposto a "seguir medrando" tras un novo "refrendo do público"

Libraría no Culturgal © Culturgal

Unha illa entre os recortes. A Feira das Industrias Culturais de Galicia, o Culturgal, pecha este domingo despois de anegar de creacións culturais o Pazo da Cultura de Pontevedra durante tres días. Ese asolagamento simbólico foino tamén de público, que un ano máis encheu a feira e que, en palabras do presidente da asociación Culturgal, Xulio Amigo, "refrendou" o certame. Ese "refrendo", explica, dálle aos arganizadores máis azos para "seguir medrando e sorprendendo á xente coa calidade e a biodiversidade da cultura galega".

O apoio do público foi "dobre", sinala Amigo. Os e as visitantes non se limitaron a asistir, senón que tamén se "implicaron economicamente nun tempo tan complicado, mercando os produtos que ofrecen as empresas expositoras". O "gran éxito" ratifícao tamén o presidente da Asociación Galega de Editores e director de Xerais, Manuel Bragado quen subliña que, "a pesar do recorte orzamentario" e "nun contexto no que o sector arrastra unha caída do 30%", na feira "non só se manteñen as vendas, senón que medran". "Culturgal está consolidado -afirma Bragado- como evento de referenica para o sector e como a gran cita da primeira fin de semana de decembro en Pontevedra".

O vivido no Culturgal 2012 tamén enche de satisfacción ao realizador Ignacio Vilar. Para o sector audiovisual esta feira, di, é "a constatación de que a cultura deste país é un negocio rendible e con futuro". "Ver tanta xente danos ánimos para seguir", asegura. Dende o teatro tamén ratifica a mesma visión o secretario de escena galega, Juan Rodríguez, quen ademais valora a importancia "que supón para o sector das artes escénicas esta oportunidade de achegarse ao público e compartir con eles as nosas preocupacións". Pola banda da música o presidente de AGAPHONO, Cándido Meixide, coida que Culturgal é xa a "feira de referenica para a posta en valor das creacións do sector musical".

"O Culturgal é a constatación de que a cultura deste país é un negocio rendible e con futuro"

A boa sensación que a feira deixa no sector non é diferente á que ficou nas Administracións que colaboran no evento: a Xunta e o Concello de Pontevedra. Para o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, o asentamento da feira "favorecerá tanto á industria como ao público participante e, de seguro -afirma- ao pobo galego en xeral". Por isto, di, a Administración autonómica manterá o seu "compromiso" co Culturgal. A xuízo da concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, "nestes tres días intensos de Culturgal está recollida unha gran parte da realidade cultural do país”. Neste sentido, asegura que a cidade de Pontevedra se sente "orgullosa" de poder recoller o evento e ten vontade de "seguir avanzando xuntos no futuro".

Estas valoracións chegaban despois dunha última xornada ateigada de público, pero tamén de actividade. Así, o domingo pasaron polo Culturgal escritores como Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas ou María Reimóndez, presentouse o volume Banqueiros, de Laiovento, ou conmemoráronse os dez anos de Bicos con linguas, de Talía Teatro, entre outras moitas posibilidades.

 

Vista do Culturgal 2012 © Culturgal
"Picada" musical con María Yáñez e Iago Martínez, o sábado á noite © Culturgal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.