O Diario Cultural reinterpreta 'Cantares Gallegos' para o século XXI

Creación gráfica que procura un xogo de actualización da figura da poeta, obra da deseñadora Elba Fernández CC-BY-SA Elba Fernández

O programa Diario Cultural da Radio Galega comeza a serie de emisións poéticas De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI. A iniciativa consiste na reescritura de ao redor de 30 de poemas da obra, da que neste 2013 se celebra o 150 aniversario da súa publicación. Un total de 25 poetas farán unha reinterpretación dos textos, axustada ao século XXI, dando lugar a un feixe de poemas inéditos. O rexistro sonoro dos textos contemporáneos lidos polos seus autores e autoras emitirase xunto co poema de Rosalía de Castro do que parte nunha serie de espazos poéticos que se alongarán nos meses vindeiros nos distintos programas da radio pública.

Un total de 25 poetas farán unha reinterpretación dos textos, axustada ao século XXI, dando lugar a un feixe de poemas inéditos

Luz Pozo Garza, Xulio Valcárcel, María Xosé Queizán, Arturo Casas, Manuel Forcadela, Oriana Méndez, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado, Luís González Tosar, Elvira Ribeiro, Cesáreo Sánchez, Claudio Rodríguez Fer, Marica Campo, Helena Villar, Xosé María Álvarez Cáccamo, Claudio Pato, Gonzalo Hermo, Miro Villar, Anxo Angueira, Xabier Queipo, Eva Veiga, Marta Dacosta, María do Cebreiro, Manuel Darriba, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Marga Romero, Olalla Cociña e Susana Sánchez Aríns son algúns dos autores e autoras que participan no proxecto.

Subliña "a vixencia da voz poética de Rosalía de Castro e a capacidade que a súa obra ten de seguir a xerar diálogos"

A iniciativa enmárcase "na xenealoxía do literario e do seu carácter de palimpsesto no que tempos e voces conflúen, escriben e reescriben na consciencia do seu propio eco", segundo os seus responsables. De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI subliña "a vixencia da voz poética de Rosalía de Castro e a capacidade que a súa obra ten de seguir a xerar diálogos". O proxecto ademais pretende contribuír á conformación Wdun arquivo poético sonoro no que o poema, a súa dicción, adquira a relevancia que a grafía adquire no texto escrito".

Creación gráfica que procura un xogo de actualización da figura da poeta, obra da deseñadora Elba Fernández CC-BY-SA Elba Fernández

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.