Zënzar fai 25 anos e non ían quedar sen festa. Unha ducia de bandas: Machina, Deseqilibrio Mental, Invivo, Som do Galpom, Nao, Ruxe-Ruxe, Pito de Pikasso, Balbordo Público, Compañía do Ruído, Medomedá, Mr. Kamándula, Raiba, K-Raxe, Chícharo Psicótico, O Jallo Light, Os tres Trebóns, Os homes sen medo, Dios ke te Crew e Secho e os invisibles preparan un álbum de versións do grupo. O disco está listo e presentarase nas vindeiras semanas aproveitando un concerto dos propios Zënzar e poderanse mercar exemplares do disco na rede en breve
Todo comezou pouco antes do verán, na sala Josfer do Mesón do Vento onde os Zënzar presentaban o seu último disco Vaise armar. Esa noite uns cantos músicos amigos e admiradores da banda lanzaron a idea de celebrar os 25 anos zenzarianos facéndolle un disco tributo e aínda foron maís lonxe: fariase sin que os mesmos Zënzar o soubesen para darlles a sorpresa. Non houbo chamamento público senón que o proxecto foi pasando de boca en boca, sen saber os seus promotores se ao final ficaría nun EP ou se daría para un álbum completo. E deu, vaia se deu.
Os beneficios que poida traer a venda dos discos irán destinados "a unha moi boa e xustificada causa", contan os Ruxe-Ruxe no seu blog, "pois en ningún momento houbo ningunha intención de sacar ningún beneficio nin económico nin de ningún tipo en toda esta historia por parte de ninguén". E como sentencian os de Aríns: "25 anos de Zënzar non nos chegaron a nada".