O esgrafiado é unha técnica tradicional de albanelaría para realizar decoracións sobre os morteiros de cal nas paredes. Destaca o seu uso nas comarcas de Lemos, Chantada, A Ulloa e O Deza e na Ribeira Sacra
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta vén de incluír no Censo do Patrimonio Cultural a técnica do esgrafiado galego como "manifestación do patrimonio cultural inmaterial". O esgrafiado é unha técnica tradicional de albanelaría para realizar decoracións sobre os morteiros de cal nas paredes dun inmoble e está presente en moitas construcións por todo o país, aínda que ten máis presenza no sur e no leste de Galicia, nas provincias de Lugo e Ourense, destacando o seu uso nas comacas de Lemos, Chantada, A Ulloa e O Deza e, en xeral, na Ribeira Sacra.
Na resolución aprobada por Patrimonio e publicada este mércores no Diario Oficial de Galicia destácase que "a técnica tradicional do esgrafiado galego conforma sen dúbida un dos exemplos de técnicas, coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional e a relación das comunidades co medio para a creación da súa paisaxe".
Na resolución aprobada por Patrimonio destácase que "a técnica tradicional do esgrafiado galego conforma un dos exemplos de técnicas, coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional e a relación das comunidades co medio para a creación da súa paisaxe"
É unha técnica tradicional "dunha especial complexidade", resultante "da aplicación dunha segunda camada de revocadura, en que se trazan debuxos con grafio, coitelas ou cucharín, se retira con raspado a capa superficial antes do seu endurecemento e queda ao descuberto a camada inferior, mostrando así diferente cor e textura".
A resolución sinala que "cómpre diferenciar o esgrafiado doutras técnicas de albanelaría para a execución das decoracións sobre os morteiros de cal, como son os encintados, que selan, resaltan e regularizan as xuntas de cachotaría e cantaría, así como o grafito inciso, técnica pola que a revocadura é riscada, co fin de perfilar a decoración".
A Xunta destaca así mesmo que "na cultura tradicional ou vernácula non existe a arte pola arte, polo que os esgrafiados non son unha simple decoración mural", senón que estamos "diante dun código de comunicación complexo, que revela valores estéticos e sociais, unha tradición e a continuidade dunha identidade e, de xeito moi evidente, sinala relacións coa paisaxe, co medio das aldeas en que se habita".
A transmisión da técnica está en perigo, pois "xa non hai albaneis en activo formados cos antigos caleadores e os poucos que de novos aprenderon a técnica están xubilados"
Esta técnica está presente noutros lugares de Europa, en cada territorio dunhas características determinadas que esta resolución aspira a protexer en Galicia. Patrimonio destaca que a transmisión tradicional deste coñecemento era fundamentalmente oral e "sempre baseada na práctica", de xeito que mestres albaneis, como portadores da técnica das artes do cal, ensinaban aos aprendices o xeito de traballar.
Esta transferencia de coñecementos na actualidade "está en perigo", pois "xa non hai albaneis en activo formados cos antigos caleadores e os poucos que de novos aprenderon a técnica están xubilados" e ademais nas escolas de oficios e de restauración radicadas en Galicia "non hai suficiente formación sobre revestimentos con cal".
As decoracións con cal son patrimonio cultural e tamén un recurso turístico, en que destaca a inclusión dos esgrafiados en itinerarios culturais europeos en Alemaña, Italia ou Bélxica
Patrimonio subliña neste senso que as decoracións con cal "son patrimonio cultural e tamén un recurso turístico, en que destaca a inclusión dos esgrafiados en itinerarios culturais europeos". Son os casos da rexión de Baviera (Alemaña), Flandres (Bélxica), Austria, Bohemia do Sur (República Checa), Suíza e Italia (destaca en cidades como Florencia ou Xénova), ou Pyrgi (na illa grega de Chíos).