O Estado elimina as axudas á tradución de libros entre linguas cooficiais

José Ignacio Wert, ministro de Educación e Cultura © Goberno de España

"A subvención de tradución desapareceu este ano, un saúdo". É a única explicación que un cidadán recibiu do Ministerio de Educación e Cultura ao dirixir unha consulta a este departamento do Goberno central pola demora que no presente ano 2012 estaba a experimentar a convocatoria anual de axudas para a tradución de libros entre os idiomas oficiais do Estado. Malia non terse realizado ningún anuncio oficial o departamento que dirixe José Ignacio Wert confirma, deste xeito, que abandona o "fomento da tradución e edición entre linguas oficiais españolas de obras de autores españois" mentres, aínda que con recortes, non fai o propio cos subsidios a "linguas estranxeiras". 

"A subvención desapareceu este ano, un saúdo", sinalou o Ministerio como única resposta

Aínda que cun certo atraso o Ministerio publicou durante o mes de xuño as correspondentes convocatorias de subvencións para a "promoción da lectura e das letras españolas", "para a edición de libros", "para a edición de revistas culturais" e tamén "para o fomento da tradución a linguas estranxeiras". Como en boa parte das accións gobernamentais, a tesoira funcionou moi notablemente e, por exemplo, no caso das traducións a linguas alleas ao Estado o desplome foi do 65%, pasando de máis de 860.000 euros a apenas 300.000.

Así e todo, a convocatoria peor parada é a que lle afecta ao galego, ao éuscaro en catalán, xa sexa para traducións de obras pertencentes aos seus respectivos sistemas literarios ou con orixe ou destino no castelán. Malia non ter unha dotación económica especialmente elevada, con apenas 100.000 euros permitiu a edición de case unha trintena de títulos dende ou para o galego só nos últimos dous anos. Nomeadamente, no ano 2010 o Ministerio distribuíu 44.997 euros para todo o Estado en subvencións que, as máis das veces, roldaron os 1.000 euros. Isto deu lugar a que, nese ano, cinco libros editados en galego tivesen a súa versión en castelán e outros tantos fixesen o traxecto invero. Ademais, grazas á mesma orde de axudas, unha obra galega foi traducida ao éuscaro. Un ano máis tarde, en 2011, o Goberno central asignou axudas por importe de 49.987 euros. Nesa ocasión traducíronse catorce obras de galego a castelán, tres de castelán a galego e unha de éuscaro a galego.

A tesoirada do Ministerio de Cultura non é a única que a edición de libros en galego recibiu nos últimos anos. Sen saír de Galicia a Consellería de Educación reduciu notablemente unha das súas liñas de subvencións máis destacadas, as destinadas a potenciar a produción editorial en galego para o ensino, tal e como establece a Lei do Libro e da Lectura do ano 2006. Neste ámbito o primeiro gran recorte chegou en 2010, cando a Secretaría Xeral de Política Lingüística deixou os 1,05 millóns de euros cos que contaran estes subsidios en 2008 e 2009 en tan só 501.617 euros. Na seguinte edición o departamento autonómico volvía convocar as subvencións e facíao "por unha contía máxima de 400.000 euros", pero no outono de 2011 deixouna "sen efecto" apoiándose nas estreiteces orzamentarias. Como prometera, antes de final de ano volveunas pór en marcha, pero con só 300.000 euros, acumulando así unha caída global do 72% en menos de tres anos.

José Ignacio Wert, ministro de Educación e Cultura © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.