Sábado 6 de xuño, dez e media da noite. Comeza a emisión da obra 'Somos Criminais', protagonizada por Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán e gravada no Auditorio da Illa de Arousa. Do outro lado, ao redor de dez mil persoas en todo o planeta están vendo o espectáculo, polo que nos días anteriores pagaran 5 euros (mercando 3.350 accesos, un por fogar).
Máis de 10.000 persoas viron o espectáculo en directo, dende 47 países distintos
Ainé Producións lanzou a iniciativa obrigada en parte pola paralización que a pandemia de coronavirus supuxo para as artes escénicas, recuperando unha obra que acadou un grande éxito nas súas representacións (50.000 entradas vendidas), que remataran dous anos antes. A resposta da xente sorprendeunos, tanto polo número de entradas vendidas como pola procedencia do público. Houbo conexións dende 47 países distintos, cun número moi alto de pases contratados no Reino Unido, Suíza, Alemaña ou Arxentina, demostrando a pegada que a emisión tivo entre a emigración galega.
Na obra, dirixida por Tito Asorey e escrita por Carlos Prieto, Carlos Blanco e Touriñán analizan e dramatizan crimes autóctonos en todas as súas variables, "desde o crime por arroutada ata o crime por acumulación de mala hostia, pasando polo crime familiar por causa das herdanzas, o asasinato por suxestión ou as orixes do narcotraficante galego", chegando á conclusión de que "somos criminais". Acabada a obra, tanto os actores coma o director e o autor da obra comezaron un coloquio en directo no que o equipo destacou o éxito acadado pola emisión e comentou os futuros proxectos nos que está a traballar cada un. Un equipo de 12 persoas participou na posta en escena e gravación da obra.
Esta iniciativa amosa "un camiño" moi útil para conectar con novos públicos e para darlles unha "vida extra" ás obras que xa remataron as súas xiras
Dende Ainé Producións destácase que aínda que o espazo dos espectáculos segue a estar nos teatros, o éxito acadado por esta iniciativa amosa "un camiño" moi útil para conectar con novos públicos (comezando pola diáspora e as persoas que por un ou outro motivo non sempre poden achegarse ás representancións) e para darlles unha "vida extra" ás obras que xa remataron as súas xiras. Un novo camiño na rede para o teatro galego. Falamos con Álvaro Pérez Becerra, un dos responsables da produtora.
Este éxito chega obrigado pola situación excepcional que vivimos dende hai tres meses. Cando decidistes levar a cabo esta emisión?
"Realmente non sabíamos como ía saír a cousa. Vendéronse moitas entradas, pero máis que iso o que nos sorprendeu foi a aprendizaxe que sacamos desta experiencia, a información que obtivemos"
Cando comeza todo isto a mediados de marzo, tivemos que aprazar a xira de 'Unha noite na praia', tamén de Touriñán e Carlos Blanco. Primeiro aprazámola para xullo e despois xa vimos que ía ser imposible facela este verán. E dándolle voltas a novas fórmulas, ocorréusenos isto, que non era simplemente gravar unha función e poñela na rede, senón que era emitila como se fose unha función de teatro, un día determinado e a unha hora determinada. E fixémolo con 'Somos criminais' porque aínda que é un espectáculo do que hai dous anos que rematamos a xira e estaba amortizado, tivera moito éxito e é un espectáculo relativamente sinxelo en canto á montaxe e demais. Por iso pensamos que podía funcionar ben nun formato audiovisual.
Supoño que estades encantados coa resposta. Tamén sorprendidos? Cales eran as vosas expectativas?
Realmente non sabíamos como ía saír a cousa. Vendéronse moitas entradas, pero máis que iso o que nos sorprendeu foi a aprendizaxe que sacamos desta experiencia, a información que obtivemos. Vimos como a xente está disposta a consumir este tipo de produtos e vimos como esta iniciativa conecta moi ben coa emigración, que é algo no que non pensáramos. Nin se nos pasaba pola cabeza que iamos dar resposta a unha demanda que existe, vendo as conexións que houbo dende outros países e os comentarios que a xente deixaba.
3.350 entradas vendidas e máis dez mil espectadores. Como obtivestes este dato?
"Vimos como esta iniciativa conecta moi ben coa emigración. Nin se nos pasaba pola cabeza que iamos dar resposta a unha demanda que existe"
Fixemos unha enquisa entre a xente que contratara o espectáculo, porque nos interesaba saber en primeiro lugar cantas persoas estaban vendo a obra en cada casa. E así puidemos saber que en total o número de espectadores superou as dez mil persoas.
Dende onde se conectou a xente? Cales foron os países onde vendestes máis pases?
Fóra de España o país dende onde houbo máis conexións foi o Reino Unido e despois aparecen Suíza, Alemaña, Portugal e Arxentina. E despois, efectivamente, cousas exóticas, como Corea do Sur.
E cal é o seguinte paso? Este éxito vaivos animar a facer isto con máis frecuencia?
"Pensámolo máis para poder facelo ao remate das xiras dos espectáculos dirixido por exemplo á xente que non os puido ver no teatro"
Touriñán falaba esta semana de que isto pode ser unha especie de 'vida extra' para os espectáculos. Por suposto, para situacións de confinamento como a que vivimos pode ser moi útil. Pero en realidade pensámolo máis para poder facelo ao remate das xiras dos espectáculos dirixido por exemplo á xente que non os puido ver no teatro. Nos comentarios que recibimos moita xente destacaba que tiña ganas de ver a obra, pero que sempre lle coincidira mal por horarios de traballo e demais e non puidera achegarse. E, ademais, para toda a xente que está fóra de Galicia.
É, ademais, algo que non é moi custoso, porque o espectáculo está montado e só se necesita buscar un realizador para convertelo nun produto audiovisual. Ademais, coa vantaxe de que a peza queda gravada e a podes utilizar posteriormente e mesmo vendela a unha televisión. Así que si, é unha fórmula que poderemos empregar máis aló de situacións excepcionais como a que vivimos.
Estades preparando a emisión dalgún outro espectáculo ou mesmo un segundo pase de 'Somos Criminais'?
"Temos unha gran cantidade de información que agora imos tentar tratar, non só para nós, senón para todo o sector, porque pensamos que isto abre un camiño para outras compañías"
En principio non, imos esperar. O que si queremos facer a curto prazo é analizar todas as respostas que recibimos da xente que se conectou e tirar de alí unhas conclusións. Ao rematar a función enviamos unha enquisa a todos os espectadores e contestouna o 60%, que é unha porcentaxe altísima, máis de 1.700 persoas. E non só a contestaron, senón que na última pregunta, que era un espazo aberto para deixar comentarios e contar que lles pareceu a experiencia, escribiron máis de 900 persoas.
Temos unha gran cantidade de información que agora imos tentar tratar, para decidir se esta fórmula se debe orientar cara á emigración ou para a xente que vive aquí e para saber canta xente está disposta a pagar de novo por un espectáculo. Queremos obter conclusións non só para nós, senón para todo o sector, porque pensamos que isto abre un camiño para outras compañías, para todo o teatro galego.