O pasado decembro José María Díaz presentaba a dimisión como deán da Catedral de Santiago. A súa marcha producíase despois de que xa fose relevado como responsable do arquivo catedralicio, centro do escuro episodio da desaparición do Códice Calixtino, o roubo que comezara en 2011 con tintes de novela histórica e que rematou no verán de 2012 con final de sainete ou case de trapallada. A historia do electricista que traballara durante corenta anos no templo antes de levar o histórico libro para agochalo nun rocho do Milladoiro disparou os ruxerruxes na capital galega nun episodio por veces esperpético ao que se vén de unir un novo personaxe: un presunto extorsionador acabado de deter pola Policía.
Caracterizado polas forzas de seguridade como "coñecido extorsionador de personaxes públicos", ao home en cuestión adxudícanselle, cando menos, "dous delitos de acoaccións e ameazas condicionadas", segundo un comunicado policial. "Elixía os seus obxectivos nos medios de comunicación para despois extorsionalos cunha suposta información de interese para a vítima", explica o mesmo comunicado. "Entre as súas vítimas figuran nomes como a baronesa Thyssen", Carmen Cervera, e tamén o ex deán de Compostela.
O presunto extorsionador dirixiuse ao deán para esixirlle cartos a cambio dunha suposta información comprometedora
"O modus operandi era sempre o mesmo", di a Policía. Primeiro establecía contacto co obxectivo por vía telefónica, "xa que obtiña os números buscando en Internet ou preguntanto directamente a persoas do entorno da vítima" e despois "accedía a entrevistarse personalmente con eles". "Cando a negociación avanzaba, o detido ameazaba o interesado con facer pública a información ou con empregar a violencia física se non recibía unha recompensa". Pero, que clase de información? Datos almacenados nun DVD que "podían perxudicar a outra persoa", neste caso, ao deán.
Segundo o arcebispado compostelán o contacto co ex deán produciuse durante o pasado Nadal e José María Díaz púxose en contacto directamente coa Policía. "Grazas á colaboración de persoas do Cabido da Catedral", di o corpo policial, "púidose saber que o sospeitoso entrara en contacto co ex deán" e, "tras numerosas chamadas de teléfono e varias entrevistas, os axentes procederon á detención do investigado". O apreixamento produciuse no convento das Mercedarias, en Santiago. Alí acudira para "tratar os detalles da entrega dos cartos a cambio dun suposto DVD". Isto mesmo é o que fixera en outubro de 2011 pero non co deán, senón coa baronesa.
Mentres a rumoroloxía volve estar disparada en Compostela, dende a Catedral subliñan a "activa colaboración" do ex deán coa Policía. Agora, explican, José María Díaz tenta "recuperar o sosego e a tranquilidade alterada", xa que o presunto extorsionador era unha persoa "potencialmente perigosa" que "repercutiu, dalgún xeito" na súa saúde. Resta saber se o sainete terá máis capítulos.