O Facom Fest, un espazo para a creatividade da Galicia que vén

Un momento da primeira edición do Facom Fest © Facom

Trátase dunha proposta, que naceu o pasado ano, impulsada polo alumnado de 4º de Comunicación Audiovisual e que busca crear un espazo onde o estudantado poida dar a coñecer as súas obras, poñendo en valor o traballo e creatividade da xuventude galega

A USC acolle do 27 ao 30 de novembro a segunda edición do festival de cine Facom Fest. Trátase dunha proposta, que naceu o pasado ano, impulsada polo alumnado de 4º de Comunicación Audiovisual e que busca crear un espazo onde o estudantado poida dar a coñecer as súas obras, poñendo en valor o traballo e creatividade da xuventude galega. Nese senso, o festival permite a participación de todo o estudantado matriculado en calquera universidade ou centro de formación galego independentemente dos estudos que estea a realizar. 

O festival recibiu un total de 69 inscricións, das cales foron seleccionadas 29 dentro da súa Sección Competitiva e 8 na Sección Non Competitiva. Entre as obras seleccionadas, son 12 as pertencentes á categoría de Ficción, incluíndo pezas que xa tiveron presenza noutros festivais, como Tara de Rebeca Tella e Daniel Filloy (seleccionada en Curtocircuíto ou no VITAFEST de Santiago de Chile) ou Doente de Noelia Sánchez, a cal se estreou no Festival de Aranda 1503. 

Algunhas das pezas que competirán na edición 2023 do Facom Fest © Facom

O festival recibiu un total de 69 inscricións, das cales foron seleccionadas 29 dentro da súa Sección Competitiva e 8 na Sección Non Competitiva

Hai tamén pezas que aínda non foron exhibidas e que terán a súa estrea no Facom Fest como é o caso de En el valle de la perseverancia de Isaac Gulías (traballo de final de grao do director e a directora de arte, Lucía Freire, para o Grao en Comunicación Audiovisual da UVigo) e La curiosidad mata al gato de Bernat Roqué. Completan a sección a curta de animación Illa Cordura de Mario Fernández, Excoriación de Eva Iglesias, Toxos de Jacqueline Reimúndez e Anxo Cambón, a peza interactiva El dilema de la pistola de Sira Goyanes e Raúl Cobas, Redención de María González, O Silencio de Alex Viador e a comedia de Uxía Soutullo Súper-Agobiada.

Nesta edición, o festival implementou unha nova categoría dirixida a valorar a creatividade e traballo detrás dos videoclips. Moitas destas creacións estreáronse a través de redes sociais e plataformas, pero o Facom Fest supón o primeiro espazo público de exhibición para a maioría delas (se ben Michi & Yoshirin, de Daniel Iglesias para dalsi, foi seleccionado no Festival de Cans) e presenta unha mostra da produción musical galega recente.

Nesta edición, o festival implementou unha nova categoría dirixida a valorar a creatividade e traballo detrás dos videoclips

No caso da categoría de Non Ficción hai un total de 9 obras, que abarcan dende a tradición documental ata a experimentación ou o uso do material de arquivo doméstico. Da mesma forma, entre as pezas atopánse títulos galardonados noutros festivais, como Tan só o demo lembra, de Dani Iglesias (premiada co Premio do Público do Festival Cine y Zona); ou Vulgaris, de Mario Fernández (Segundo Premio Xuventude Crea), mentres De: Mí, Para: Yo, de Jean Michel Vidal ou Película, de Alba Amoedo, terán a súa estrea nesta edición do Facom Fest. Así mesmo, son parte desta categoría a curta de Leo Pereiro O tecido da memoria (My room number is cucumber), Años y lugares (dirixida por Sofía García), a peza documental sobre a perda do patrimonio galego Terra esquecida (de Ander López, David Sanmartín e Anxo Sesto), Palomas de agua (obra elaborada por Daniel Valcárcel a partir do seu arquivo familiar), e WHERE WE MEET de Aniana Barreiro.

As obras adscritas á modalidade competitiva serán valoradas por un xurado conformado tanto por profesionais do sector como por estudantes, buscando unir perspectivas de diferentes xeracións e traxectorias. Así, o xurado profesional conta na categoría de ficción coa participación de Álvaro Gago (director de Matria) e Silvia Fuentes (produtora en Sétima e xefa de produción en O corno). Na de non ficción interveñen María Yáñez (creadora e directora da revista dixital Vinte e encargada da promoción de películas como O corno ou Matria) e Antía Carreira (autore de Ola Baby (Video-ensaio sobre a miña depresión)). 

Sara Faro, María Soliña, David Fidalgo, Álvaro Gago, María Yáñez e Adrián Canoura, que forman parte do xurado ou imparten os seus coñecementos do Facom Fest © Facom

As obras adscritas á modalidade competitiva serán valoradas por un xurado conformado tanto por profesionais do sector como por estudantes, buscando unir perspectivas de diferentes xeracións e traxectorias

Por último, na de videoclip participan Adrián Canoura (responsable dos videoclips de Baiuca entre outros, e cineasta con obras como Caerán lóstregos do ceo) e Sara Faro (que xunto a María Soa forma o grupo musical Fillas de Cassandra). En canto ao xurado novo, as alumnas da facultade Aira Portos Rey, Marta García Pedreira, e Ximena Torrón Núñez presentáronse voluntarias para participar na valoración das pezas de ficción, non ficción e videoclip respectivamente. 

Actividades formativas

O Facom Fest preséntase como unha oportunidade de exhibición para todas aquelas obras que quedan fóra da atención dos festivais e dos medios, pero tamén busca entrar en contacto coa realidade profesional do sector audiovisual ou con aspectos desta que non adoitan aparecer nos plans de estudos. 

Con esta intención, o festival inclúe un programa de actividades formativas que complementa os coñecementos desenvolvidos nas aula. David Fidalgo (autor da webserie Cacola ou da curta Sandwich cat) compartirá os seus coñecementos sobre animación. 

Algúns e algunhas das organizadoras do Facom Fest © Facom

O Facom Fest preséntase como unha oportunidade de exhibición para todas aquelas obras que quedan fóra da atención dos festivais e dos medios, pero tamén busca entrar en contacto coa realidade profesional do sector audiovisual ou con aspectos desta que non adoitan aparecer nos plans de estudos

Haberá tamén unha charla en torno ao material de arquivo e o patrimonio audiovisual en Galicia, na que participarán a investigadora María Soliña Barreiro, o historiador e membro do Cineclube de Compostela Julio Vilariño e a integrante do colectivo Memoria e Cinema Laura Piñeiro. Ademais, a comunicadora María Yáñez ofrecerá unha retrospectiva sobre a difusión cultural en Internet a partir da súa experiencia arredor da creación de contidos dixitais (na revista Vinte ou o festival Carballo Interplay) e na promoción de obras audiovisuais como O corno ou Rapa

Haberá así mesmo dúas actividades especiais:  unha en colaboración co Club de Cine da Facom arredor da videocreación, conducida por Adrián Canoura, e outra en colaboración co Club de Fotografía da facultade que consistirá nun obradoiro de cianotipia no que os asistentes poderán coñecer e probar por si mesmos esta antiga técnica fotográfica. 

O Facom Fest rematará o dia 30 cunha gala de clausura

Alén diso, dende o equipo de programación do festival elaborouse unha selección de artistas a incluír en paralelo á competición para exhibir as súas obras. A cineasta e montadora Lucía Estévez participará coa súa recente curtametraxe O neno sardiña, mentres o director de fotografía e creador de vídeos musicais Iago Vilarinho o fará cos seus clips para hydn ou RYMER. A videógrafa e fotógrafa Helena González intervirá coa sua curta MINHAMENINHA, así como a directora Paula Fuentes coa súa carta fílmica titulada Lucita

 

Gala de clausura

O Facom Fest rematará o dia 30 cunha gala de clausura cargada de sorpresas onde se darán a coñecer as pezas gañadoras, premiadas cun bono de 200 euros para utilizar en Elcom, unha tenda especializada en compoñentes electrónicos e material audiovisual. A gala será amenizada pola actuación de Gloria Pavía, que vén de publicar o álbum Novas flores. Posteriormente dará comezo na sala Moon o concerto de Migui Bouzó, artista vigués que presentou o mes pasado o seu album debut Cine i amor. Para finalizar a xornada haberá un dj set con Chris Indian e Ces en cabina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.