A comezos de decembro o Concello de Ferrol presentou o informe definitivo do expediente da candidatura do Ferrol da Ilustración para a súa declaración por parte da Unesco como Patrimonio Mundial. Este documento, que compendia numerosos catálogos e inventarios que recollen a importancia histórica e patrimonial da cidade e da ría, será a base dunha proposta que aspira neste 2018 a que a institución das Nacións Unidas aprobe a candidatura o ano que vén. Converteríase no quinto espazo galego que acadaría esta consideración, uníndose ao casco histórico de Santiago de Compostela (1985), Camiños de Santiago (1993), Muralla de Lugo (2000) e a Torre de Hércules (2009). Ferrol forma parte dende o 2007 da lista indicativa da UNESCO, paso previo para a consideración como Patrimonio da Humanidade, na que tamén figura a Ribeira Sacra (1996) e Os Ancares (2007). Hai uns meses anunciouse a inclusión nesta lista das Illas Atlánticas.
O documento destaca que a construción no século XVIII do Porto de Ferrol e do seu Arsenal e estaleiro “representa unha obra de arte do xenio creador humano, pola aplicación detallada e precisa do modelo utópico do porto ideal do clasicismo, iniciado no Renacemento e enriquecido polas experiencias dos séculos XVII e XVIII”. Así mesmo, subliña que o seu deseño, ao igual que o do pioneiro barrio ilustrado da Magdalena “foi recoñecida e tivo gran influencia no desenvolvemento de obras ao longo de España e en toda América, especialmente na realización de obras hidráulicas, defensas costeiras e deseño urbano”, conformando un conxunto case único no mundo, con interese arquitectónico, histórico, industrial e cultural.
A área que se propón para ser declarada Patrimonio da Humanidade inclúe o Arsenal Militar, o Arsenal Civil, o racionalista barrio da Magdalena e o porto natural que conforma a entrada á ría, defendida polos castelos de San Felipe e A Palma e outras dez baterías militares costeiras e faros. Entre os monumentos máis destacados están -ademais dos citados castelos- as portas de entrada ao Arsenal e ao estaleiro histórico, a Sala de Armas, o Gran Tinglado da Maestranza, a muralla do Arsenal (do século XVIII) e os diques de reparación e construción de buques, con dous séculos de historia.
Na presentación do informe, hai unhas semana o alcalde Jorge Suárez subliñou que a declaración da UNESCO "sería un revulsivo para a propia autoestima desta cidade, que daría un xiro económico e un reforzo da idea de Ferrol como unha cidade que cree en si mesma, no seu patrimonio e na súa historia" e destacou que a proposta ferrolá completou xa todos os pasos necesarios para a conformación dunha candidatura forte, lembrando que está moito máis avanzada que outros bens de todo o Estado que tamén optarán este ano á mesma distinción. A declaración como Patrimonio da Humanidade. Este distintivo facilitaría un incremento do número de visitantes á cidade multiplicándose por cinco aproximadamente, segundo varios estudos, e situaría a Ferrol no mapa internacional de bens e patrimonio cultural. Ademais, a cidade gañaría a protección, vixilancia e conservación do seu legado arquitectónico e histórico, posto que a normativa de aplicación de UNESCO é moi estrita e de obrigado cumprimento, lembra o Concello.
Para impulsar a candidatura e amosar o apoio que esta ten en todos os ámbitos da cidade e en todas as forzas políticas, o Foro Ferrol Vivo impulsou esta fin de semana unha Mesa de Alcaldes, que este sábado xuntou a Xaime Bello (BNG), Juan Juncal (PP), Vicente Irisarri (PSdeG-PSOE), José Manuel Rey Varela (PP) e Jorge Suárez (FeC). O acto buscaba ser un acto de apoio á candidatura, ao tempo que un recoñecemento ao traballo feito por todas as corporación de todas as cores políticas. “Estamos ante un reto complexo, pero viable e posible”, destácase dende Ferrol Vivo, que sinala que "durante estes 16 anos traballouse dun xeito intermitente e insuficiente para dar o salto final" e chama a un Pacto por Ferrol nesta cuestión, pois “o consenso político e social é un aspecto que se ten moi en conta nunha declaración deste tipo”.