O Festival Internacional de Títeres de Redondela homenaxea 'Barriga Verde'

Cartaz do Festival © Festival Internacional de Títeres de Redondela

O Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) homenaxeará a figura de Barriga Verde na edición deste ano. O curioso monicreque de luva creado polo galego José Silvent hai agora 100 anos verase reflectido na programación do Festival, ao incorporar compañías e espectáculos que recrean as fazañas deste particular personaxe. A celebración desta efeméride arrancará canda o festival, o martes 14, coa proxección do documental Morreu o demo, acabouse a peseta, unha homenaxe ao titiriteiro galego. Para esta sesión sortearanse catro entradas entre todas as persoas que suban unha fotografía do cartel deste ano a Facebook, e liguen a imaxe coa páxina oficial do Festival.

A celebración desta efeméride arrancará canda o festival, o martes 14, coa proxección do documental Morreu o demo, acabouse a peseta, unha homenaxe ao titiriteiro galego

Viravolta títeres escenificará as aventuras de Barriga Verde nunha barraca que recrea a que Silvent usou para percorrer a xeografía galega, e que estará instalada na Praza do Concello o venres 17 de maio. O sábado e o domingo, o titiriteiro Gaspare Nasuto achegará a versión italiana do personaxe en L’antigua tradicion di Pulcinella. Ademais das actuacións en torno a Barriga Verde, a nova edición contará con máis de 70 representacións dos 25 espectáculos internacionais que compoñen o Festival deste ano, entre pasarrúas, funcións escolares, teatro de sala e un feixe de sorpresas, que se complementarán coa exposición Olladas dun festival de Rafa Estévez e Cal 3, ubicada no Multiúsos da Xunqueira durante todo o festival.

Co propósito de atraer público adolescente e de prolongar a programación ata despois da cea, botan a andar nesta edición as Noites Titeresantes, funcións para adultos que terán lugar na Disco-Tasca o venres e sábado ás 23:59 h. Os máis cativos tamén terán un oco no espectáculo para bebés El pollo Pepe, dos madrileños Teatro de la Luna, que terá lugar o domingo ás 17:30 e ás 19:00 h no Campo da Petanca. Nun intento por abrir o Festival a novos espazos, o Museo Meirande converterase en escenario de teatro, monicreques e maxia durante a tarde do Día das Letras.

 

Morreu o Demo, acabouse a peseta

A obra quere difundir a figura de Barriga Verde, títere por excelencia no noso país durante o século XX. O filme, que se puido ver xa en diferentes festivais europeos, chega agora para a súa distribución en formato doméstico

Morreu o Demo, acabouse a peseta era a frase coa que remataban as funcións de monifates de luva logo de que o heroe Barriga Verde mallase no seu satánico antagonista. Agora é tamén o nome dunha asociación e do libro-DVD que vén de editar cun documental e máis de sesenta páxinas de contido. A obra quere difundir a figura de Barriga Verde, títere por excelencia no noso país durante o século XX. O filme, que se puido ver xa en diferentes festivais europeos, chega agora para a súa distribución en formato doméstico nunha edición de luxo que achega múltiples contidos extra. Comba Campoy, produtora executiva do filme e integrante da Asociación Cultural Morreu o Demo fixo un chamamento en Radiofusión a valorarmos a importancia desta tradición teatral para a cultura galega entre os anos 10 e 60 do século pasado, que nos emparenta co teatro de títeres popular europeo.

A edición foi froito da colaboración entre Urco Editora, Tintimán Audiovisual e a Asociación Cultural Morreu o Demo, que inicia con esta iniciativa o seu traballo a prol da difusión e recuperación do títere tradicional galego. A Asociación que unifica diferentes inicitivas de investigación e divulgación encol deste tema, presentará proximamente as súas propostas de actividades para os vindeiros meses.

‘Morreu o demo, acabouse a peseta’ Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.