O festival 'Primos Hermanos' volverá achegar en 2015 a música galega e asturiana

Logo do Festival Primos Hermanos © Desconcierto Cultural

O pasado ano Compostela acolleu a primeira edición do Festival Primos Hermanos, organizado por Desconcierto Cultural. O obxectivo era promover a unión entre músicos galegos e asturianos, nun evento que incluíu os concertos de Xabel Vegas e Elle Belga (Casa das Crechas), Pablo und Destruktion (Kuntshalle) e Tuya e Fasenuova (Cachán), e que tamén tivo o seu espazo gastronómico, a través dun almorzo en común. A iniciativa, celebrada en febreiro, foi un exito, tanto pola boa impresión deixada nos artistas participantes e no público asistente coma pola expectación xerada (as entradas esgotáronse moi rapidamente, con semanas de antelación), coma pola calidade dos concertos.

A celebración da segunda edición era obrigada. En marzo regresarán os Primos Hermanos, e ademais desta volta con formato de dobre partido. O 7 de marzo de novo Compostela acollerá concertos e encontro gastronómico e dúas semanas máis tarde, o 21 de marzo, haberá partido de volta en Oviedo. A Santiago chegarán, ao igual que o pasado ano, bandas e artistas asturianas, escollidas entre a manchea de propostas emerxentes que non deixan de agromar na rexión veciña, como por exemplo a recente proposta de La Villana, o novo proxecto de Natalia Quintanal, cantante de Nosoträsh. A Asturias, ademais, viaxará unha selección de grupos galegos da escena independente, que se darán a coñecer en breve. Nas dúas cidades haberá tamén un encontro gastronómico, que se celebrará en senllos restaurantes de ambas as dúas capitais.

O pasado ano os responsables de Desconcierto Cultural destacaban que a iniciativa nacía "do cariño e simpatía mutuos que nos temos os habitantes das comunidades norteñas veciñas" e sinalaban que buscaría "resumir en cinco concertos o que está sucedendo na escena musical irmá actualmente". Nesta edición de 2015 de novo a cervexa será galega (o evento está patrocinado por Estrella Galicia), e a sidra tamén (a Maeloc da propia Estrella). De novo haberá que preguntarse: "quen son os primos e quen os irmáns?".

Logo do Festival Primos Hermanos © Desconcierto Cultural
Pablo Und Destruktion actuou en Compostela na primeira edición do festival Dominio Público Praza Pública
A actuación de Fasenuova pechou o festival en 2014 © Jose Lemur

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.